Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 abril, 2024
O Partido Popular de Santiago reclámalle ao BNG que proceda a levar a cabo unha revisión do acceso e percorridos permitidos no Casco Histórico, tendo en conta sempre as necesidades dos diferentes colectivos afectados, como habitantes e comerciantes, entre outros.
A concelleira popular, Olaya Otero, remarcou que, “despois de case 10 meses no goberno, os nacionalistas deberían coñecer a realidade da zona vella compostelá, xa que son os responsables de atopar solucións que faciliten e melloren a calidade de vida dos “heroes” que, a pesar das condicións cada vez máis complicadas, teñen o valor de vivir e traballar nesta zona da cidade”.
A popular tamén lles recorda que o BNG tería que ser o encargado de buscar medidas que revitalicen o Casco Histórico, sen que estas poidan afectar ou deteriorar o patrimonio de todos os veciños e veciñas de Santiago, “posto que está moi ben coidar o patrimonio, pero, subliñou, o maior patrimonio son os veciños.
“O próximo día 1 de maio comezarán a funcionar os borlardos instalados dentro do Proxecto Smartiago, sistema que naceu co obxectivo de “regular” o acceso de vehículos ao Casco Histórico de Santiago e todo isto segue sen ter unha resposta clara” explicou Otero.
Sinalar, dixo, que “neste momento, o procedemento para poder solicitar permiso fora do horario de libre acceso, é dicir, entre as 7.00 e as 10.30 horas da mañá, resulta pouco compatible co desenvolvemento de certas profesións, como é o caso de oficios vencellados á construción, polas características da súa actividade; ou o reparto de mercadorías, no que se inclúe a entrega especial de farmacias”.
“Esta situación supón unha dificultade para as persoas que traballan nestes sectores, pero, ademais, trae consigo unha penalización a residentes e empresas, porque non poden acceder a determinados servizos en igualdade de condicións ao resto da veciñanza da cidade, por exemplo á hora de levar a cabo calquera tipo de mantemento nos fogares”, indicou.
Desde o Partido Popular de Santiago, temos recollido as queixas que nos fan chegar os distintos afectados, sinalando, que, “cada vez, resulta mais complicado vivir no Casco Antigo, como consecuencia das dificultades e restricións coas que se atopan”.
Olaya Otero indicou tamén que “se descoñece cal será a situación, a partir do vindeiro mes, para o colectivo de persoas con mobilidade reducida, que a pouco mais dunha semana da entrada en vigor do novo sistema, non teñen coñecemento, tan sequera de que se fose poñer en marcha”.
Written by: Líder Redacción
acceso compostela pp radio lider santiago santiago zona vella
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)