AD

Destacado

O PP pide suprimir a zona azul de tarde en Santa Marta e habilitala de día en Xoán XXIII

today25 agosto, 2025

Fondo
share close
AD

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, solicitoulle ao goberno nacionalista “unha decisión definitiva e información clara respecto ás zonas ORA da cidade”, unha cuestión que, xa no mes de marzo do presente ano puxera enriba da mesa, ante as diferentes queixas por parte da veciñanza.

Por aquel entón, Villa denunciara que “os composteláns xa non saben cando, canto tempo, nin onde poden aparcar o seu coche”, en referencia á creación de novos espazos de implantación da zona verde e/ou azul na cidade, como Xoán XXIII ou Santa Marta. “Neste último caso, -subliñou- a decisión do BNG foi a de suprimila os sábados pola mañá, sendo operativa tan só de luns a venres en horario de mañá e tarde”.

“Respecto a Xoán XXIII, -explicou- logo da creación de prazas en batería, en exclusiva para residentes, o goberno nacionalista recibiu diversas críticas, posto que, quitando a noite, estas prazas estaban baleiras, privando deses aparcamentos aos usuarios en xeral e, en particular, aos pais e nais dos colexios San Jorge e López Ferreiro”.

Para Adrián Villa, “estas decisión non son coherentes, a de Santa Marta porque, de luns a venres polas tardes, as prazas están practicamente baleiras, polo que solicitou a súa liberación, co fin de que a veciñanza, que non contan con garaxe, poidan estacionar sen contribuír a unha recadación abusiva e, no referente a Xoán XXIII, que se habilite unha combinación de zona ORA diúrna e de residentes polas noites”.

Para o popular, “á marxe destas áreas concretas, o goberno nacionalista segue a xerar confusión, coas sinais de diferentes rúas do Ensanche; e coa combinación da carga e descarga, con paradas de tan só 15 minutos, limitando así o escaso aparcamento do que se dispón en superficie na cidade”.

Por último, o edil solicitou “unha decisión firme, sen improvisacións e sen cambios de criterio continuados, coa finalidade de que os santiagueses saiban onde, cando e canto tempo poden estacionar sen as consecuentes sancións motivadas, en moitos dos casos, polo descoñecemento e desconcerto”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *