Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
12 de marzo de 2024. O Partido Popular de Galicia pide a dimisión de José Félix Tezanos logo da publicación dunha reflexión na que, tal e como explican os populares, o responsable do CIS recorre ao “insulto” aos galegos para ocultar o seu “constatado e reiterado descrédito profesional” e minimizar a “derrota sen paliativos” do socialismo na Comunidade.
“Quen pense que unha maioría absoluta con máis de 700.000 votos e un apoio de máis do 47% se consegue porque os galegos son parvos e se deixan enganar é que nin coñece Galicia nin lle importa”, sostén neste sentido a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, ironizando con que Tezanos critique nesta ocasión “o que Pedro Sánchez leva facendo en todas e cada unha das eleccións ás que se presentou”.
Refírese así ao “regueiro” de promesas electorais feitas por Sánchez tanto nas eleccións municipais, como nas xerais e máis recentemente tamén nas autonómicas. “Mentres algúns pensan que gañar unhas eleccións consiste en vir a Galicia en Falcon a facer promesas que nunca se van cumprir, no PPdeG traballamos cos pés na terra e todo o ano por resolver os problemas dos galegos”, engade a número dous dos populares ironizando co resultado de ambas estratexias.
Prado fai fincapé en que o presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas xa hai tempo que debería ter dimitido “non só pola súa escandalosa e pouco disimulada vinculación ao PSOE, senón polo errado das súas predicións”. E neste sentido pon sobre a mesa que as enquisas do CIS durante a campaña autonómica chegaron a dar ata 15 deputados aos socialistas galegos e na realidade isto traduciuse no peor resultado deste partido en Galicia na historia da nosa Autonomía ao obter tan só nove escanos no Parlamento.
Do mesmo xeito, estas sondaxes prognosticaban a perda da maioría absoluta do PPdeG e outorgáballe ata un mínimo de 34 escanos: “O que ía ser a perda da maioría absoluta resultou na primeira do presidente Alfonso Rueda”. Por non falar, ademais, de que o descoñecemento e a “burda manipulación dos datos” por parte do responsable do CIS chegaron ata o punto de que “os escanos que repartía nin se correspondían coa realidade”. Recordando así que nunha destas enquisas repartíase un escano de máis na provincia de Lugo e un de menos en Ourense.
“Que Tezanos deixe de enganar e insultar aos galegos, que nós xa nos encargaremos de traballar para seguir sendo merecedores da confianza que Galicia nos deu por moito que a algúns lles pese”, conclúe.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)