Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 junio, 2024
A Baña. 17-6-2024.- Con ganas de leria e sobre todo de pasar un bo rato, preto de 460 persoas encheron o pasado sábado, 15 de xuño, o polideportivo municipal de San Vicenzo para compartir mesa, mantel e algún que outro baile na primeira edición do Xantar Veciñal da Baña. No encontro participou a corporación municipal, encabezada polo alcalde, José Antonio Pereira; e a primeira tenente alcalde e concelleira de Acción Social, Mónica González.
O chamamento do Concello da Baña para participar nesta xornada de convivencia tivo un éxito rotundo entre maiores de 65 anos e pensionistas, que sumaban máis do 90 por cento dos comensais e puideron desfrutar da comida de balde. O Concello puxo así mesmo un autobús gratuíto dende as parroquias ata o pavillón.
O polideportivo municipal comezou a encherse a partir das 13.00 horas para gozar dun menú que correu a cargo do Restaurante Taboada de Touro e estivo composto por empanada, polbo con cachelos, carne ao caldeiro e tortas de queixo e améndoa.
Gaiteiros da Escola de Música Tradicional da Baña puxeron as primeiras notas musicais do encontro xusto antes de comezar a comida e a festa continuou na sobremesa cun pasarrúas da agrupación Tanto nos ten e unha sesión musical do DJ Mr. Vieito, que fixo bailar ás parellas máis animadas cunha selección de éxitos de sempre.
Ademais, os comensais puideron gozar tamén na sobremesa dun entretido bingo e dun torneo de petanca. José María Turnes e Juan Allo foron os afortunados gañadores de dúas cestas de produtos galegos ao ser os primeiros en completar o cartón de bingo.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)