AD

Actualidad

O PSdeG alerta do claro retroceso de Santiago cunha alcaldesa «bunkerizada» que non escoita á cidadanía

today23 enero, 2026

Fondo
share close
AD
  • Os socialistas inciden no deterioro da cidade e na parálise da acción de Goberno, denunciando a actitude de Goretti Sanmartín, “que goberna ás costas dos composteláns”.
  • A falta de acción dos nacionalistas deixa unha  cidade máis sucia, cunha mobilidade cada vez máis difícil tanto en autobús urbano como en taxi, a perda de influencia económica e nulos avances en temas de gran preocupación social como a vivenda e a mellora dos barrios.
  • O Partido Socialista avanzou que continuará cunha oposición baseada no contacto permanente con todos os colectivos, en todos os barrios e en todas as zonas do rural.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026. O PSdeG de Santiago alertou hoxe da preocupante situación da cidade, “en claro retroceso e paralizada”, gobernada por unha alcaldesa bunkerizada no seu despacho, “e que goberna ás costas da cidadanía”. Así o trasladaron o deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do partido en Santiago, Aitor Bouza; a concelleira socialista Marta Abal; e o voceiro municipal Gumersindo Guinarte.

Bouza abriu a intervención cunha reflexión centrada na vida cotiá da cidadanía, afastándose do debate institucional para poñer o foco no impacto real das políticas municipais. “Non queremos falar do Concello, senón de Santiago como vila, como cidade e tamén dos problemas que lle preocupan a toda a cidadanía”, sinalou. A partir desa premisa, describiu un percorrido simbólico polo día a día dunha persoa en Santiago, desde que sae da casa pola mañá ata a noite, para ilustrar o que cualificou como unha sensación xeneralizada de abandono.

Segundo expuxo, “o primeiro que percibe é unha cidade moito máis sucia do que debería estar”, cunha presenza habitual de “colectores cheos, lixo acumulado e enseres que tardan días en recollerse”, unha situación que, ao seu xuízo, xa non se pode considerar anecdótica. Bouza estendeu esta crítica á mobilidade urbana, tanto no transporte público como no servizo de taxi, onde denunciou atrasos, falta de información fiable e dificultades para acceder a un vehículo, o que afecta tanto á vida diaria da veciñanza como á imaxe exterior da cidade.

A vivenda foi outro dos eixos centrais da súa intervención. O deputado socialista advertiu de que moitas persoas “buscan piso e non o atopan ou, cando o atopan, son prezos absolutamente inasumibles”, o que está a provocar a saída de residentes da cidade. “Aquí non falamos de administracións, falamos de xente que está sendo expulsada da súa propia cidade”, afirmou.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago tamén fixo referencia ás dificultades para emprender ou desenvolver unha actividade económica, con licenzas que se prolongan durante meses ou incluso máis dun ano. “A burocracia non só cansa, frea actividade, emprego e oportunidades”, advertiu, antes de sinalar o deterioro do espazo público, a falta de mantemento de parques e rúas e unha programación cultural que considerou insuficiente para unha cidade como Santiago.

“Nós non podemos chegar a outra conclusión que non sexa que a este goberno a cidade quédalle grande, que hai unha incapacidade de xestión evidente e que Santiago está en claro retroceso”, concluíu Bouza, que defendeu a necesidade de construír unha alternativa política “pensando nas persoas e na súa vida diaria”.

Na súa intervención, Marta Abal atribuíu boa parte desta situación a un estilo de goberno afastado da cidadanía. A concelleira criticou que a alcaldesa anuncie agora, tras tres anos de mandato, a apertura do seu despacho como medida de participación, mentres, segundo dixo, o PSdeG “estivo onde había que estar, a pé de rúa, escoitando e coñecendo de primeira man as necesidades reais de Santiago”.

Abal detallou o traballo desenvolvido polo grupo municipal socialista ao longo do último ano, con reunións con asociacións veciñais, deportivas, culturais, co tecido económico, co terceiro sector e con traballadores municipais. “O que propoñemos non nace dos despachos, nace da rúa”, resumiu. Neste contexto, denunciou a falta de avances en materia de vivenda por parte do goberno local e lembrou a proposta socialista dun programa municipal de mobilización de vivenda baleira e dun banco público de alugueiro a prezos accesibles.

A concelleira socialista tamén repasou iniciativas presentadas en ámbitos como o desenvolvemento económico e industrial, a seguridade, coa falta de efectivos de bombeiros e policía local, o mantemento de espazos públicos, o saneamento, a xestión de residuos, a mobilidade, o deporte ou a accesibilidade universal. “Son actuacións pequenas que, de realizarse, provocan grandes cambios na vida diaria das nosas veciñas e veciños”, subliñou.

Abal referiuse igualmente á situación do Centro de Educación Especial da Barcia, que cualificou de “moi grave”, reclamando unha reforma integral por parte da Xunta de Galicia e melloras urxentes no seu entorno para garantir unha accesibilidade real. Pechou a súa intervención defendendo unha educación pública con recursos suficientes e reiterando que o obxectivo do PSdeG é “escoitar para propoñer e propoñer para transformar”.

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, resumiu a posición do PSdeG cunha chamada a “empezar polo básico” para recuperar o pulso da cidade. Guinarte sinalou que moitos dos problemas actuais non requiren novos anuncios nin grandes proxectos, senón facer funcionar correctamente o que xa está contratado e planificado. “Atender o básico é garantir que a cidade estea limpa, que se cumpra o contrato de limpeza, que funcione a recollida de enseres e a limpeza dos contedores”, afirmou.

No ámbito da mobilidade, incidiu na necesidade dun transporte público eficaz, tanto en autobuses como en taxis, lembrando que unha cidade que aspira a ser sede de congresos e eventos “non pode permitirse un sistema que non dea resposta ás necesidades reais da xente nin de quen nos visita”. Neste sentido, advertiu de que “non se pode escribir no aire” e reclamou solucións concretas para problemas cotiáns que afectan á imaxe e ao funcionamento de Santiago.

Guinarte defendeu tamén que a vivenda debe situarse no centro da acción política municipal, cun impulso decidido á vivenda pública, á posta a disposición de solo para construír e á declaración de zonas tensionadas que permitan frear a escalada dos prezos do alugueiro. “Vivir en Santiago non pode ser un privilexio, ten que ser un dereito das persoas que queren quedar ou vir vivir á cidade”, subliñou, reclamando ademais unha adaptación da normativa do casco histórico á realidade social e residencial actual.

O voceiro socialista puxo o acento na necesidade dunha administración local máis áxil e próxima, que reduza os tempos de espera nas licenzas, simplifique trámites e evite que emprender ou rehabilitar se converta nun percorrido cheo de obstáculos. Xunto a iso, apostou por apoiar o comercio local con medidas reais, avanzar no desenvolvemento de solo industrial e traballar activamente para captar novos investimentos e empresas. “Santiago non pode resignarse a esperar a que as oportunidades cheguen soas”, advertiu.

Guinarte concluíu reclamando unha cidade mellor coidada, con parques, rúas e espazos públicos mantidos de forma planificada, máis segura e máis amable para vivir, desde o centro histórico ata as parroquias. Tamén defendeu unha programación cultural máis ambiciosa e accesible, cun mellor uso dos equipamentos e dos espazos ao aire libre. “Falamos de Santiago, da súa xente, das súas necesidades e de como, desde a administración local, podemos facer que viva mellor mañá”, rematou.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *