Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O PSdeG de Santiago denuncia a falta de rigor e responsabilidade do goberno municipal presidido por Goretti Sanmartín na xestión económica do Concello, tras comprobar que segue sen remitir ao Consello de Contas a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2024, malia ter sido aprobada no Pleno municipal do pasado mes de novembro.
A concelleira socialista Marta Abal advertiu de que este incumprimento pode ter consecuencias económicas moi graves para Santiago, como a perda de subvencións e doutros fondos públicos, e anunciou que o Grupo Municipal Socialista esixirá explicacións inmediatas polo risco xerado pola mala xestión do goberno local.
Segundo os datos publicados polo propio Consello de Contas, a documentación continúa sen ser remitida, a pesar de que a Conta Xeral foi aprobada no Pleno municipal celebrado o pasado 27 de novembro. Abal lembrou que nesa mesma sesión plenaria o grupo socialista xa advertira de que a Conta Xeral chegaba fóra de prazo e preguntara ao goberno municipal polas consecuencias dese atraso, sen obter resposta algunha.
Desde o Grupo Municipal Socialista subliñan que a non remisión en prazo da Conta Xeral pode ter consecuencias graves para a cidade, como a perda de subvencións e doutros recursos económicos fundamentais. Por este motivo, Marta Abal indicou que “hoxe mesmo solicitaremos información ao goberno municipal para aclarar por que non se remitiu a Conta Xeral, cando ten previsto facelo e cales son as consecuencias económicas concretas xa coñecidas deste incumprimento”.
“Unha vez máis queda en evidencia que a xestión do día a día atragántaselle ao goberno municipal presidido pola señora Sanmartín, poñendo en risco recursos económicos fundamentais para a cidade”, denunciou a concelleira socialista.
Abal concluíu sinalando que “non é admisible que, con máis cargos directivos que nunca, se produzan este tipo de incumprimentos na capital de Galicia”. Para o Grupo Municipal Socialista, “Santiago non pode permitirse unha xestión tan irresponsable nin perder oportunidades por falta de planificación e por falta de rigor”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)