Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 febrero, 2026
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026. O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno deste xoves unha pregunta sobre a situación do parque empresarial da Sionlla e os atrasos na constitución da súa Entidade de Conservación, tras denunciar o estado de deterioro que presenta actualmente a área.
A concelleira socialista Marta Abal cualificou de “insostible” o estado actual do polígono e advertiu de que “calquera persoa que o visite decátase axiña” da situación, cunha acumulación de deficiencias visibles que afectan tanto á imaxe como á funcionalidade do espazo.
Segundo describiu, existen “farois danados, viais sen pintar nin sinalizar, alumeado que non funciona e deixa o polígono na escuridade cando cae a noite, maleza sen rozar…”, unha “imaxe impropia dun espazo que non está á altura das empresas instaladas nin das persoas usuarias”, e que, ao seu xuízo, non se corresponde co papel estratéxico que debería desempeñar esta área empresarial.
Para frear este deterioro, Abal sinalou que “o primeiro paso é constituír a Entidade de Conservación da Sionlla”, o organismo chamado a “asegurar a conservación e o mantemento das dotacións públicas, das infraestruturas e das instalacións dos servizos públicos da área”.
Porén, segundo advertiu, “a súa constitución segue pendente de trámites municipais” e “o procedemento leva parado desde o 1 de agosto de 2025, á espera de informes do Concello de Santiago”, unha situación que atribuíu directamente á “parálise do goberno de Goretti Sanmartín”.
A concelleira alertou de que este bloqueo “está a prexudicar a imaxe de Santiago e a súa capacidade para atraer investimento”, ao transmitir unha sensación de abandono nun espazo clave para o tecido produtivo da cidade.
Neste contexto, explicou que “no pleno deste xoves preguntarémoslle ao goberno local cando ten previsto completar a constitución definitiva da Entidade de Conservación”, insistindo en que “o parque empresarial da Sionlla non pode seguir deteriorándose así: é unha prioridade económica e tamén unha cuestión de seguridade”.
Desde o Grupo Municipal Socialista reclaman ao executivo da señora Sanmartín que desbloquee de maneira inmediata os trámites pendentes e asuma como prioritaria a posta en marcha deste instrumento de xestión, ao considerar que a Sionlla debe estar á altura das empresas que xeran emprego e riqueza en Santiago.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)