AD

Actualidad

O PSOE busca acelerar a posta en marcha da Casa dos Maiores no Ensanche

today13 marzo, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

A concelleira Marta Álvarez insta ao goberno local a redactar un regulamento de uso que regule o seu funcionamento

“Defendemos que sexa un lugar para promocionar a convivencia e a solidariedade para combater a soidade non desexada” afirma

O grupo socialista demanda axilidade na tramitación do centro polivalente de maiores previsto no Ensanche. Unha actuación que se iniciou durante o goberno socialista, conseguindo a cesión do antigo local da Seguridade Social en San Pedro de Mezonzo, co propósito de crear nese espazo un local con diferentes actividades para “fomentar un envellecemento activo e combater a soidade non desexada”.

A concelleira Mila Castro reclamoulle ao executivo de Sanmartín que “apuren os prazos para que as persoas maiores do Ensanche e de todo Santiago teñan ese centro aberto canto antes”. Ademais, a que fóra responsable de Políticas Sociais durante o mandato socialista insistiu en que hai outras cuestións nas que se pode ir avanzando, e que non dependen dos tempos da administracións, como é a redacción do regulamento de funcionamento do propio centro.

“Aínda que é certo que o goberno local manifestou a súa vontade de darlle continuidade a este proxecto, o certo é que xa van 8 meses de goberno e este proxecto segue sen estar aprobado, o único que temos enriba da mesa é un anteproxecto” denuncia Castro, que se amosou favorable a incorporar o carácter interxeracional ao proxecto que propoñen desde Compostela Aberta: “é unha cues<ón coa que nós podemos concordar, sempre é bo mellorar o proxecto, pero saquémolo adiante”.

Nunha rolda de prensa conxunta, na que ademais de Castro, participou a tamén edilsocialista, Marta Álvarez, afeáronlle ao executivo local que dera o remate do 2023 como prazo para ter un proxecto aprobado: “van xa tres meses do 2024 e segue sen estar, por iso pediremos no pleno que se impulse este procedemento e que se nos informe do estado no que se atopa”.

Un regulamento de funcionamento que defina as utilidades do centro

A concelleira Marta Álvarez insistiu tamén na idea de avanzar naquelas cuestións que non dependan dos tempos administrativos, como é a redacción e aprobación dun regulamento de funcionamento. Nel, explica a edil socialista, téñense que establecer as bases de como funcionaría o centro, recursos humanos e materiais, así como definir os procedementos para “fomentar a participación e convivencia entre usuarios, persoal da administración e servizos na vida do centro”. Tamén as relacións do mesmo coa súa contorna.

“O espírito deste servizo ten que ser o de crear un espazo para promocionar a convivencia, a solidariedade e axuda mutua” explica Álvarez, que avoga por un “enfoque participativo” á hora de definir o funcionamento do centro: “trátase de combater a soidade non desexada a través do desenvolvemento sociocultural e a ocupación de tempo libre”.

A preguntas dos xornalistas, as socialistas defenderon a opción dunha xestión municipal do espazo, aínda que defenden que se poida concertar con outras entidades ou asociacións locais a posta en marcha de servizos e actividades. Recorda Mila Castro que na idea orixinal estaba a creación dunha sala de lectura con ordenadores, e outros espazos de usos múltiples que puidesen acoller cursos de achegamento ás novas tecnoloxías, obradoiros ou realizar saídas culturais.

23.000 persoas maiores de 65 anos en Compostela: o 20% viven soas

As socialistas tiraron de datos para xustificar a necesidade dun espazo de atención polivalente orientado á terceira idade: no concello de Santiago hai 23.000 persoas maiores de 65 anos das que o 20% viven soas. Unha situación que se agrava máis aínda no propio Ensanche onde se prevé instalar este espazo con 4.800 persoas maiores e unha de cada catro que viven sen compañía.

“Tanto no Ensanche como en Pontepedriña, por exemplo, a porcentaxe de persoas maiores que viven soas soben ata o 30%” alerta Álvarez que insiste en que con este proxecto “conséguese tecer unha comunidade de acompañamento recíproco” e fomentar un envellecemento activo.

Defende, deste xeito, a ubicación escollida para situar o centro, no antigo local da Tesourería Xeral da Seguridade Social, no 17 de San Pedro de Mezonzo, un espazo cunha superficie total de 1.528 m2.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%