AD

Actualidad

O V Trail e Andaina Ribeiras do Tambre busca bater o récord de inscricións

today22 febrero, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

A quinta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que percorrerá o concello de Ames desde A Ponte Maceira ata o Real Aeroclub de Santiago, terá lugar o próximo domingo 17 de marzo

A inscrición está aberta ata o vindeiro 14 de marzo, ás 23:59 horas

A proba, que se enmarca baixo a especialidade atlética do “trail-running” e que estará baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, rematará no Real Aeroclub de Santiago

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explicou que “este trail non é só unha competición deportiva, senón que tamén serve para dar a coñecer o noso concello e o seu patrimonio natural”

O responsable de prensa da federación, Iván Sanjiao destacou que, como novidade, este ano tamén vai haber un trail curto: “Será unha proba de 8 quilómetros, que suporá un extra competitivo para impulsar a disciplina do trail entre as categorías base”

Ames, 20 de febreiro de 2024.- A quinta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que percorrerá o concello desde A Ponte Maceira ata o Real Aeroclub de Santiago, terá lugar o próximo domingo 17 de marzo. Organizada polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, a proba foi presentada esta mañá na Casa do Concello, en Bertamiráns. Contarase coa colaboración da Policía Local e da Agrupación de Protección Civil. Desde a organización do evento agardan chegar ás 400 inscricións, o que suporía bater o récord de participación de todas as edicións organizadas. A inscrición está aberta nesta ligazón ata o vindeiro 14 de marzo, ás 23:59 horas. Pódese consultar o regulamento completo do evento premendo nesta ligazón.

A Ponte Maceira vivirá o domingo 17 de marzo o arranque da quinta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que percorrerá ao longo de 16 quilómetros a xeografía e o patrimonio natural amesán. A proba, que se enmarca baixo a especialidade atlética do “trail-running” e que estará baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, rematará no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións que teñen na parroquia de Piñeiro.

Así o explicou a concelleira de Deportes, Susana Señorís, que na presentación do evento, celebrada esta mañá na Casa do Concello, en Bertamiráns, destacou que esta “é unha proba xa consolidada en Ames, que todos os anos ten unha gran acollida”. No acto de presentación estivo acompañada do presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; do responsable de prensa de dita federación, Iván Sanjiao; do director de actividade do Real Aeroclub de Santiago, Álex Beiras; e do propietario do ximnasio BJ Trainers & Co e membro do club BJ Training, Borja Collar.

Ademais, a concelleira de Deportes explicou que “este trail non é só unha competición deportiva, senón que tamén serve para dar a coñecer o noso concello e o seu patrimonio natural”. Así mesmo, agradeceu a colaboración de todos os implicados na organización do evento e animou á veciñanza a inscribirse e participar.

O presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, destacou que “o concello de Ames estase a converter nun axente destacado dentro do atletismo galego, con probas destacadas no calendario deportivo ao longo de todo o ano”.Tamén sinalou que o obxectivo este ano é “chegar e incluso superar os 400 inscritos, para bater o récord de participación nesta proba”. Pola súa banda, o responsable de prensa da federación, Iván Sanjiao destacou que, como novidade, este ano tamén vai haber un trail curto: “Será unha proba de 8 quilómetros, que suporá un extra competitivo para impulsar a disciplina do trail entre as categorías base”.

Álex Beiras, en representación do Real Aeroclub de Santiago, mostrouse encantado “de colaborar un ano máis co Concello para organizar esta proba, que para nós xa é un evento prioritario ano tras ano”.

Borja Collar, propietario do ximnasio BJ Trainers & Co e membro do club BJ Training, agradeceulle “ao Concello de Ames e á Federación Galega de Atletismo que conten con nós e cos nosos voluntarios para que todo saia ben o día da proba”. Deste xeito, colaborarán achegando persoal que axudará con voluntarios/as e coa marcaxe do circuíto, entre outros traballos.

Horarios, distancias e dorsais

A Ponte Maceira será o punto de saída, tanto para o trail como para a andaina. Ás 10:00 horas sairán os participantes no trail, que percorrerán unha distancia de 16 quilómetros. A meta estará instalada no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións que teñen na parroquia de Piñeiro. Cinco minutos despois, ás 10:05 horas, procederase á saída da andaina. Neste caso, a meta é a mesma e a distancia un pouco menor, duns 15 quilómetros aproximadamente.

Tanto os participantes do trail como os da andaina serán trasladados en autobús dende o Real Aeroclub ata o punto de saída na Ponte Maceira, a partir das 8:15 horas. Os dorsais teñen un prezo de 7 euros para os participantes na andaina e no trail curto, e de 11 euros para os participantes no trail, e poderán recollerse a partir das 8:15 horas nas instalacións do Real Aeroclub. Os inscritos e inscritas correrán cunha licenza de día de trail-running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil.

Establecerase un tempo de corte para ambas competicións. Dito tempo de corte será de 1 hora e 15 minutos dende a saída para o trail (11:15 horas) e de 2 horas e 20 minutos dende a saída para a andaina (12:20 horas). Os/as participantes que chegado ese momento non completasen a proba serán retirados da competición e trasladados ao punto de meta.

Categorías e premios

No trail longo haberá catro categorías: sénior masculino e feminino (persoas que teñen 18 anos cumpridos o día da proba), máster 1 masculino e feminino (persoas de 35 a 40 anos), máster 2 masculino e feminino (persoas de 41 a 49 anos) e máster 3 masculino e feminino (persoas de 50 ou máis anos). Por outra banda, no trail curto establécense tres categorías: sénior masculino e feminino (nado en 2006 e anteriores), sub16 masculino e feminino (nados en 2009 e 2010) e sub18 masculino e feminino (nado en 2007 e 2008).

Pola contra, na andaina non se establecerán categorías de participación, pero os menores de idade terán que ir acompañados en todo momento por un adulto maior de 18 anos. A idade mínima de participación na andaina será de 12 anos.

Outorgaranse premios para os tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría, ademais de premios aos tres primeiros clubs da clasificación do trail (tanto o longo como o curto). Así mesmo, todos os participantes levarán un agasallo técnico pola súa participación (que poderán recoller xunto ao dorsal de competición antes de coller os autobuses). A entrega de premios levarase a cabo a partir das 12:45 horas nas instalacións do Real Aeroclub.

En canto aos equipos, daranse premios especiais aos tres primeiros, tanto federados como populares, que deberán inscribirse coa mesma documentación e igual indumentaria. Para isto, tomaranse como referencia os seis primeiros clasificados e clasificadas de cada equipo no trail longo, e os tres primeiros clasificados e clasificadas de cada equipo no trail longo.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%