AD

Comarca

O VI InnovAmes chega este venres como un espazo de coñecemento e networking

today18 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

Ames, 16 de febreiro de 2026.- O Concello de Ames, a través da concellaría de Promoción Económica Emprego e Innovación, desenvolverá este venres pola mañá, no pavillón polideportivo do Milladoiro, a sexta edición da xornada InnovAmes, un espazo de innovación e colaboración entre empresas e escolares de Ames. A finalidade deste evento é poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a colaboración entre empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial do concello. Durante toda a xornada participará persoal de arredor de trinta empresas amesás, sete empresas da contorna, nenos e nenas dos centros de ensino de Ames, persoal das empresas que empregan o espazo colaborativo A Proa e representantes das tres universidades galegas.

O Milladoiro acolle unha nova edición da xornada de innovación para as empresas de Ames InnovAmes. Trátase dunha xornada de innovación que se celebrará este venres 20 de febreiro, no pavillón polideportivo do Milladoiro. O obxectivo é achegar as últimas tendencias no mundo da innovación da man das empresas do concello de Ames, e este ano tamén con empresas de concellos achegados, a todos os públicos, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxías que den lugar a proxectos innovadores.

Esta xornada contará coa participación de Conic vascular – CAST, Ficción Producciones, Nanogap, Sinerxia, Cartogalicia, Impulsadixital, Werobots, Codery, Karbonius, Casalonga forestal y jardín, Emotionallight, Silvereira, Artesanía Tuñas, Bahiasoftware, Nortigalia, Placein, Biostatech, Catec, Clun, Stampa, Iluminaciones Santiaguesas, Gst, Ojoalvatio, Augas de Ames, H2GZ, DOOIGNIT, Elora, todas elas empresas de Ames.

E como novidade desta edición, o pavillón do Milladoiro contará con empresas doutros concellos próximos a Ames. Estas son: Adoc Vimbio e Cloud.gal, de Santiago de Compostela; Farmasecurity, de Vigo; Metalia Consultores, das Pontes; Obit Dynamics, de Ribeira;Disal, de Vilagarcía de Arousa e Powernet, da Coruña. Estes dous últimos concellos, do mesmo xeito que Ames, forman parte da Rede Innpulso.

Outra das principais novidades da xornada deste ano será a presencia de institucións como a Zona Franca de Vigo, que estará representada polo delegado especial do Estado David Regades; e a Secretaría Xeral de Innovación, dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, representada pola súa secretaria Teresa Riesgo e Isabel Martínez, subdirectora adxunta de Política e Estratexia Aeroespacial.

Do mesmo xeito que na edición anterior, e ante a excelente experiencia, a asociación Down Compostela volverá colaborar co Concello de Ames, mediante Javi e Cristina, veciños de Ames, membros da asociación, participando no stand de información do evento. Dita colaboración foi asinada tanto polo alcalde de Ames, Blas García, como polo presidente de Down Compostela, Juan Martínez.

Programación da xornada

O evento arrancará ás 10.00 horas cunha mesa inaugural na que se sentarán e darán a benvida a concelleira de Promoción Económica de Ames, Ana Paz; o alcalde de Ames, Blas García; a secretaria da Secretaría Xeral de Innovación, Teresa Riesgo; e o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. Por parte da Deputación da Coruña acudirá Rosana García, deputada de Emprego e Industria.

Logo da inauguración, arredor das 10.30 horas, as personalidades farán un recorrido de recepción polos stands e unha presentación dos proxectos educativos finalistas dos premios InnovAmes. Ás 11.00 horas, os escolares poderán desfrutar dunha actividade chamada “Maxia e Tecnoloxía”, previa á entrega dos premios InnovAmes, sobre as 11.30 horas.

Neste punto, arredor das 12.00 horas, comezarán as mesas. A primeira será “Por que as innovacións que máis transforman a nosa vida adoitan ser as menos visibles? É necesario que a innovación sexa disruptiva e visible par ser realmente transformadora?”, coa participación da Secretaría Xeral de Innovación, Teresa Riesgo, Emilio Martínez, representante da Universidade de Santiago de Compostela; Nerea Dávila, representante de Nanogap e Eugenio Varela, representante de Access Surgical Technologies. Posteriormente, presentaranse os proxectos dos premios InnovAmes da categoría de empresas.

A segunda mesa iniciarase ás 13.30 horas, e ten como título “Tecnoloxía con propósito: innovar sen perder ás persoas”. Participarán o Delegado Especial do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades,Isabel Martínez, subdirectora adxunta de Política e Estratexia Aeroespacial; Xanel Vecino, da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo; Alicia Cano, do CATEC e Esther Saavedra, de NTT DATA.

Posteriormente, arredor das 14.15 horas, celebrarase a cerimonia de entrega de premios aos proxectos empresariais, antes do acto de clausura da man de David Regades, Ana Paz, Blas García e Teresa Riesgo. A xornada de InnovAmes rematará ás 14.45 horas, cun aperitivo que favoreza o networking entre as empresas participantes e os representantes universitarios, non sen antes desfrutar da música de Kike Varela  e Puga.

Paralelamente ás actividades programadas na xornada, a Cadena Ser fará un programa especial do Hoy por Hoy Santiago, o programa de actualidade local conducido por Ainhoa Apestegui, en directo no pavillón polideportivo do Milladoiro cubrindo a actividade do InnovAmes. Será en horario de 12.45 a 13.45 horas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *