Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 septiembre, 2025
Santiago. 16-9-2025. ‘10 anos de Victoria FC. Paixón, Igualdade e Fútbol’ é o lema baixo o que o club compostelán conmemora unha década de historia da súa sección feminina, unha traxectoria marcada pola creación de equipos en todas as categorías, a aposta pola formación integral das xogadoras e o seu compromiso cos valores de igualdade, comunidade e inclusión.
O primeiro dos actos de celebración terá lugar este mércores 17 de setembro ás 20:00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela. Será un evento especial no que se presentará o logo conmemorativo do aniversario e as novas equipacións oficiais. Ademais, o club renderá unha homenaxe a xogadoras, adestradoras e figuras clave que contribuíron ao crecemento da sección ao longo desta década.
O acto contará coa presenza de destacadas autoridades institucionais e deportivas. A representación institucional estará encabezada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta, María Quintiana. Tamén está confirmada a asistencia da delegada da Federación Galega de Fútbol en Santiago, Silvia Cancela.
A Universidade de Santiago estará representada polo delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, e polo catedrático de Psicoloxía da USC, Tino Arce. Ademais, acudirá ao acto o director xeral de Cobre San Rafael, Fernando Riopa, entidade que mantén un firme compromiso como patrocinador principal da sección feminina do Victoria FC.A gala será presentada pola xornalista Irene Lourido e contará coas actuacións musicais de Os d’Abaixo e de Noa Vigo, exxogadora do club.
Dez anos construíndo comunidade a través do fútbol feminino
O Victoria FC puxo en marcha a súa sección feminina na tempada 2015-2016 con dous equipos, e hoxe suma 117 licenzas federativas e equipos en todas as categorías, desde sénior ata cadete, infantil e fútbol 8. Neste período logrou ascensos, títulos e convenios de colaboración con entidades como a USC ou o RC Celta de Vigo, consolidándose como un referente do fútbol feminino en Galicia.
Un ano de actividades conmemorativas
Ademais do acto inaugural previsto para o mércores, ao longo do ano organizaranse partidos conmemorativos, encontros con referentes do deporte, mesas redondas de debate, unha exposición fotográfica e distintas iniciativas sociais e comunitarias en centros educativos, hospitais e residencias de maiores.
Con este aniversario, o Victoria FC quere poñer en valor a súa traxectoria, reforzar o vínculo coa cidade de Santiago e seguir impulsando o liderado feminino no deporte, cunha mensaxe clara de futuro: “Unha década forxando campioas, rompendo barreiras e construíndo comunidade a través do fútbol feminino”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)