Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 septiembre, 2025
Santiago de Compostela acolle estes días a celebración dos dez anos da creación da sección feminina do Victoria CF, unha das entidades deportivas con máis base en Galicia. Para conmemorar esta data, o club organiza unha serie de actos que inclúen mesas redondas, encontros interxeracionais, visitas a centros escolares e unha gala en decembro con exxogadoras e figuras relevantes do fútbol feminino.
En conversa con Isabel Vilaseco, nova integrante da directiva e nai de xogadores da base, quedou claro que este é un proxecto que medrou con paixón e compromiso. “As familias grandes precisan xestión interna. Ao final, se non podes con eles, únete”, comentou entre risas sobre o seu paso á directiva.
A evolución do club foi notable desde aquela tempada 2015-2016 na que arrancaron cun só equipo feminino. Hoxe, o Victoria conta con sete equipos femininos e máis de 130 licenzas, consolidándose como un referente na formación deportiva na cidade.
“O deporte é educación. É compromiso, igualdade e respecto”, subliñou Vilaseco, destacando tamén o convenio co departamento de psicoloxía da USC para traballar valores e saúde mental coa base.
Nova relacionada:
O Victoria FC conmemora dez anos da súa sección feminina no Auditorio de Galicia
A nivel competitivo, o Victoria Fem mantense con forza na Liga Nacional, e segundo Isabel, “foi un crecemento constante coa aposta de facer un equipo estable”. Ademais, o club continúa reivindicando a necesidade de mellores infraestruturas deportivas na cidade. “Hai moitos clubes e poucos campos. A falta de espazos condiciona o adestramento e o rendemento”, sinalou.
Os actos do décimo aniversario comezaron cunha presentación oficial no Auditorio de Galicia, onde se revelou a nova equipación e o escudo conmemorativo. “Queremos achegarnos á cidadanía, ás escolas e tamén ás persoas maiores. Que todas vexan que o fútbol é para todas”, explicou.
No horizonte, unha gala en decembro homenaxeará a todas as mulleres que pasaron polo club, e incluso se prevé organizar un partido amistoso entre xogadoras do actual plantel e exxogadoras que militan en equipos como o Barça ou o Sporting de Xixón.
Isabel pechou a conversa cunha chamada ao público compostelá para que apoie ao equipo feminino: “O Victoria Fem compite a nivel nacional, na mesma categoría que a SD Compostela. Precisamos tamén do apoio da cidade”. A súa reflexión puxo sobre a mesa a invisibilidade que moitas veces sofre o deporte feminino, mesmo cando alcanza fitos comparables aos do masculino. “Non pedimos máis, pero tampouco menos. Só o mesmo apoio e presenza”, engadiu.
Escrito por Líder Redacción
deportes Entrevista Santiago de Compostela Victoria FC feminino Victoria Fem
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)