Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 junio, 2024
Esta cita musical celebrarase o vindeiro 2 de agosto no anfiteatro do Milladoiro, onde actuarán os grupos Dakidarría, Agoraphobia, Biribirlocke e Onda Dagda
O persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargarase dos concertos didácticos e da impartición de obradoiros musicais
O festival tamén renova a súa imaxe, incorporando un deseño rompedor e colorido que se converterá na imaxe de marca deste evento musical
Carmen Porto, concelleira de Mocidade: “Valoramos como algo moi positivo que este ano se lle dea visibilidade aos grupos emerxentes do noso concello, como é Onda Dagda, que ensaia no local de A Factoría, en Biduído”
Blas García, alcalde de Ames e concelleiro de Cultura: “Recuperamos a data orixinal do Millarock, sendo de novo o pistoletazo de saída das festas da Madalena”. Ademais, sinalou que outro dos obxectivos deste festival é “achegar aos máis pequenos a paixón pola música rock, polo que este ano incorporamos como novidade as actividades que se realizarán ese mesmo día pola tarde, para fomentar entre os cativos a afección e o gusto pola música rock en galego”
Ames, 12 de xuño de 2024.- A localidade do Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, que chega á súa décimo terceira edición. O evento, organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, busca promover o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. Esta cita musical celebrarase o vindeiro 2 de agosto no anfiteatro do Milladoiro, onde actuarán os grupos Dakidarría, Agoraphobia, Biribirlocke e Onda Dagda. O persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargarase dos concertos didácticos e da impartición de obradoiros musicais. Nas vindeiras semanas iranse desvelando máis detalles sobre o cartel do Millarock.
O anfiteatro do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da décimo terceira edición do festival Millarock, que se celebrará nesta localidade o venres 2 de agosto. Este ano unirá dous escenarios ao longo dun paseo musical: o anfiteatro do Milladoiro e a Travesía do Porto. Ademais, o festival tamén renova a súa imaxe, incorporando un deseño rompedor e colorido que se converterá na imaxe de marca deste evento musical.
No acto de presentación estiveron presentes o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a concelleira de Mocidade, Carmen Porto; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; a técnica do departamento de Mocidade, Pilar Villaverde; a vocalista do grupo Onda Dagda, María Iglesias; o vocalista de Biribirlocke, Benjamín Seoane; e o baixista de Dakidarría, Antón Torroncho.
Durante a súa intervención, a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, definiu o Millarock como “un festival consolidado que mantén intacta a súa esencia de promover o rock galego e impulsar a grupos emerxentes, permitíndolles compartir escenario con artistas referentes deste xénero musical”.
Sobre esta cuestión falou a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, quen afirmou que “valoramos como algo moi positivo que este ano se lle dea visibilidade aos grupos emerxentes do noso concello, como é Onda Dagda, que ensaia no local de A Factoría, en Biduído”. Así mesmo, convidou á veciñanza de Ames e dos concellos da contorna a sumarse á xornada para desfrutar da música e o ambiente festivo.
Pola súa banda, os artistas Benjamín Seoane, María Iglesias e Antón Torroncho agradeceron ao Concello que conte con eles para participar neste evento, e destacaron a importancia deste tipo de iniciativas para promover o rock galego e abrirlles novas portas aos artistas emerxentes.
Pechou o acto o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destacando que nesta edición “recuperamos a data orixinal do Millarock, sendo de novo o pistoletazo de saída das festas da Madalena”. Ademais, sinalou que outro dos obxectivos deste festival é “achegar aos máis pequenos a paixón pola música rock, polo que este ano incorporamos como novidade as actividades que se realizarán ese mesmo día pola tarde, para fomentar entre os cativos a afección e o gusto pola música rock en galego”. Estas actividades estarán organizadas pola escola A Casa do Rock, e os horarios e o abanico de obradoiros será adiantado proximamente.
Programa do Millarock 2024
Coa chegada do Millarock, O Milladoiro volve a reunir a destacadas bandas de rock galego, cun cartel no que se citan os grupos Dakidarría, Agoraphobia, Biribirlocke e Onda Dagda. Ademais, o persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargarase dos concertos didácticos e da impartición de obradoiros musicais.
Tras máis de 20 anos desde a súa formación e unha ampla bagaxe de discos e concertos, Dakidarría é un referente no panorama galego e estatal. O seu punto forte son os directos, atrevéndose tanto con salas pequenas como con grandes festivais. A agrupación musical retoma a estrada neste 2024 para descargar en cada escenario a emoción, a enerxía e a adrenalina que se desprende en “XX”, o seu novo disco en directo rexistrado en dous festivais emblemáticos; Revenidas e Castañazo Rock.
Por outro lado, Agoraphobia é unha banda de Boiro formada por Susana Saavedra (voz e percusión), Sabela Sampedro (guitarra), Paula Rego (batería) e Lucía Fernández (baixo) que volve neste 2024 co seu garaje rock, ritmos de distorsión profunda e potentes riffs que sacoden o rock alternativo.
O grupo amesán Biribirlocke chega, despois dunha tempada en standby, cheo de forzas para volver a onde o deixaran e facernos bailar e desfrutar do seu directo. Son contundente cargado de ritmos enerxéticos e alegres apoiados nunha potente sección de ventos. Un directo marcado polos temas que teñen gravado como adianto do seu terceiro disco que está a piques de ver a luz.
Por último, o grupo de rapaces e rapazas amesás Onda Dagda xa ten actuado recentemente en diversas galas do concello así como no certame da Deputación da Coruña “Quero Cantar” no Teatro Colón. O escenario natural do Auditorio da zona verde do Milladoiro será o espazo onde nos amosarán os seus temas e incribles versións revisitadas dalgúns clásicos que estamos seguros nos sorprenderán.
O festival contará tamén coa colaboración da escola compostelá A Casa do Rock. O persoal desta escola colaborará co achegamento aos clásicos do rock. A través dos seus formatos didácticos subirá ao escenario un concerto no que percorreremos os clásicos e os máis dignos representantes da cultura rock cunha proposta adaptada para o público máis novo.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)