Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 octubre, 2025
A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade outorgar o Premio Diego Bernal 2026 a Julio Rodríguez González, director do xornal Atlántico Diario, ao que considera “un dos firmes valores do xornalismo galego contemporáneo”.
A Directiva da APG, constituída en xurado para a ocasión, destaca que “a pesar de ocupar dende moi novo postos de responsabilidadde, nunca abdicou do xornalista de raza que leva dentro” e valora especialmente “o seu talento, intuición, sagacidade e capacidade de traballo, así como o seu temperamento, que colócano sempre na posición óptima para valorar o alcance de cada noticia, reclamar esixencia e compromiso á súa xente na procura da mellor información e acadar finalmente a satisfacción do deber cumprido ante os lectores”.
“Máis aló da redacción”, engade o xurado do Premio Diego Bernal, “quen o coñecen e tratan destacan a súa bonhomía e sensibilidade, que dende hai anos o fai acredor do afecto e o recoñecemento da profesión, na que un bo número de xornalistas formáronse á súa beira”.
Unha longa traxectoria profesional non só na prensa escrita
Nacido en Quintela de Leirado (Ourense) no ano 1961, Julio Rodríguez é licenciado en Ciencias da Información, rama Xornalismo, pola Universidade de Navarra (1981-1986). A piques de cumprir corenta anos de exercicio profesional (o fará no ano 2026), iniciou a súa andaina xornalística en 1986 en La Región de Ourense, grupo no que desenvolveu a meirande parte da súa carreira.
Comezou como redactor e responsable de edición de La Región (1986-88), para convertirse logo en director adxunto do xornal Atlántico Diario de Vigo, cargo que ocupou entre 1988 e 1999. Entre ese último ano e 2002 foi subdirector de Informativos da Televisión de Galicia (TVG), canle na que posteriormente se convertiría en director de Informativos (2002-2005).
De volta á prensa escrita, Rodríguez pasou a exercer como director adxunto do xornal La Región (2005-2007), logo subdirector de Atlántico Diario (2007-2008) e, dende 2008 á actualidade – dende hai 17 anos-, director dese mesmo rotativo vigués.
Durante distintas etapas colaborador e participante en espazos de debate sobre asuntos de actualidade na Radio Galega e na Televisión de Galicia, foi ademais membro da Comisión Permanente do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.
Trixésimo primeira edición do Diego Bernal
A entrega do Premio Diego Bernal 2026 a Julio Rodríguez terá lugar no próximo mes de xaneiro, coincidindo coa festividade de San Francisco de Sales -patrono dos xornalistas-, no decurso dun acto que terá lugar en Santiago de Compostela.
O galardón, que consiste nunha figura de artesanía tradicional de pratería de Compostela, foi creado en 1996 baixo a denominación inicial de Premio Anual APG, co obxectivo de distinguir a traxectoria profesional de xornalistas galegos que exercen ou exerceron en Galicia ou fóra da nosa comunidade. Tralo pasamento de Diego Bernal, a APG acordou que o premio pasara a levar o seu nome, como homenaxe á súa memoria.
Os galardoados co Premio Diego Bernal nas trinta edicións anteriores foron Augusto Assía (1996), Pedro de Llano (1997), Feliciano Barrera (1998), Camilo José Cela (1999), Manuel Fernández Areal (2000), o Colectivo de Periodistas Vascos (2001), Santiago Rey Fernández- Latorre (2002), José Manuel Rey Novoa (2003), Juan Ramón Díaz García (2004), Alfonso Sánchez Izquierdo (2005), Ángel Botana (2006), Blanca García Montenegro (2007), Gerardo González Martín (2008), Perfecto Conde Muruais (2009), Manuel Martín Ferrand (2010), Pepe Domingo Castaño (2011), Pilar Cernuda (2012), Germán Castro Tomé (2013), José Luis Alvite (2014), Lois Caeiro (2015), Fernando Ónega (2016), Fernando Salgado (2017), Bieito Rubido (2018), Xosé Luis Vilela (2019), Francisco Campos (2020), Arturo Maneiro (2021), Carmen Merelas (2022), José Luis Gómez (2023), Aída Pena (2024) e Xosé de Cora (2025).
Escrito por Líder Redacción
APG Asociación Periodistas de Galicia Julio Rodríguez González Premio Diego Bernal Premio Diego Bernal 2026
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)