Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 marzo, 2025
O Claustro Alto do Colexio de Fonseca acolle a exposición 8 mulleres galegas que moveron os marcos, coa que a Biblioteca Universitaria celebra este ano o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. A mostra foi inaugurada este luns 3 de marzo polo reitor Antonio López, acompañado pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e pola directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal.
A exposición recolle o perfil de oito mulleres galegas pioneiras en diversos ámbitos, cuxo denominador común é ter sido quen de abrir camiño en espazos tradicionalmente reservados aos homes. As protagonistas son Áurea Rodríguez, primeira gaiteira da que se ten noticia; Maruxa Villanueva, actriz, cantante e emprendedora teatral en Galicia e na emigración; Elisa Patiño, primeira aviadora galega e unha das primeiras en Europa; María Wonenburger, investigadora en álxebra e primeira muller española cunha bolsa Fullbright; María Luz Morales, primeira directora dun xornal en España; Ángela Ruiz Robles, mestra e inventora dun dispositivo precursor do libro electrónico; Concepción Pérez Iglesias, primeira alcaldesa de Galicia e unha das primeiras de España, e María Barbeito, educadora que introduciu en Galicia as teorías pedagóxicas máis innovadoras da súa época.
Na mostra exhíbense oito paneis dedicados a cada unha destas mulleres, co obxectivo de visibilizar as súa traxectorias e contribuír a unha maior igualdade no recoñecemento histórico.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo, de luns a venres, de 9:00 a 20:30 horas, permitindo achegarse á historia destas mulleres imprescindibles na nosa cultura.
Escrito por Líder Redacción
8M compostela dia da muller Día de la Mujer Exposición Fonseca Mulleres Santiago de Compostela
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)