Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 noviembre, 2025
Onda Chicha acolleu a visita de Lisdexia, o grupo muradán que leva xa unha década facendo da festa e da enerxía o seu sinal de identidade. “Somos unha banda de amigos; o máis importante para nós sempre foi pasalo ben”, resumía Frani, un dos seus membros, durante a entrevista. Formados en 2016, o quinteto —Javi, Fran, Frani, Chema e Antón— continúa a consolidar un proxecto que, sen perder o humor nin a retranca, defende con forza o punk galego máis bailable.
A súa proposta define un estilo que mestura garage, punk e modernidade, cun obxectivo claro: “Queremos que a xente baile, que súe, que se tire os cubatas por enriba”, confesaban entre risas. A banda, que vén de presentar o seu novo EP con temas como “Borrachos nacionalistas” ou “Espidifren”, afronta 2026 con novos retos: un disco de longa duración e xira por Galicia. “Agora tomámonos o que facemos moito máis en serio, pero sen presión; as cousas teñen que ir saíndo de forma natural”, explicaban.
Na conversa, os membros de Lisdexia repasaron os momentos máis especiais destes dez anos: o primeiro concerto na Sala Moon, as primeiras xiras fóra da casa e o sentimento de que a súa música comeza a conectar con públicos novos. “Sorprendeunos ver máis xente fóra ca en Muros. Iso é un subidón”, recoñecían. A banda, que reivindica a lingua galega con humor e irreverencia, tamén reflexionou sobre o panorama musical actual: “En Galicia hai un fervedeiro de grupos e moita xente facendo cousas cada vez máis profesionais. É o camiño”, sinalaron.
No horizonte inmediato, a banda anuncia concertos en Santiago, Melide, Vigo e Ourense, ademais da gravación dun vinilo que consolide esta nova etapa. “Queremos facer algo físico, bonito, de colección. Volver un pouco ao de antes”, contaba Javi. E sobre o futuro, deixan clara a súa filosofía: traballar duro, gozar e seguir facendo bailar a quen se achegue a un directo de Lisdexia.
“Onda Chicha” é unha iniciativa impulsada por Radio Líder Santiago e Chichalovers que nace co obxectivo de dar voz e visibilidade ás novas bandas e artistas galegos. O proxecto funciona como unha plataforma de impulso ao talento local, combinando entrevistas en radio, gravacións profesionais e actuacións en directo. As formacións seleccionadas cada mes teñen a oportunidade de presentar o seu proxecto nos estudos de Radio Líder, gravar un tema en Chichalovers e optar a participar no ChichaFest, o festival que se celebrará en maio na Sala Capitol de Santiago.
A participación é gratuíta, está aberta a proxectos de todos os estilos e prioriza as bandas que canten en galego. Cada edición mensual abre unha nova convocatoria a través das redes sociais de Radio Líder Santiago e Chichalovers, consolidando Onda Chicha como unha canle de promoción, comunidade e descuberta de talento dentro da escena musical galega.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)