Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 octubre, 2025
Galicia, 23 de outubro de 2025. A Confederación Española de Policía (CEP) anunciou este mércores mobilizacións en resposta ao que cualifican como “o progresivo desmantelamento” da Unidade Adscrita da Policía Nacional en Galicia, tras a decisión da Xunta de privatizar determinados servizos de seguridade. O primeiro paso, segundo denuncian, sería a supresión do servizo que a Unidade presta no Parlamento de Galicia desde 1991, ano da súa creación mediante convenio co Ministerio do Interior.
Desde o sindicato, que asegura ter incrementado a súa afiliación en Galicia nun 400% nos últimos anos, advirten de que actualmente a Unidade Adscrita conta con 340 axentes fronte aos 500 recollidos no último convenio, o que supón un déficit de 160 efectivos.
O secretario rexional da CEP na Unidade Adscrita, Horacio Otero, lamenta que “un asunto de tanta relevancia se coñeza a través dos medios de comunicación ou de rumores”, e critica a “falta de transparencia e diálogo” por parte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Interior.
Otero lembra que, dende a creación da Unidade, “a privatización da seguridade pública foi constante”, citando casos como o Centro de Proceso de Datos de Galicia, a Sede da Presidencia no Pazo de Raxoi ou o Centro de Control de Cámaras de San Caetano, onde a presenza policial foi substituída por vixilantes privados. Agora, engade, “pretenden facer o mesmo no Parlamento de Galicia, sede do poder lexislativo do autogoberno galego”.
O responsable sindical tamén compara a situación do Parlamento coa doutras instalacións autonómicas, como Monte Pío, e apunta que “se incrementou nun 50% o número de axentes destinados á protección do actual presidente da Xunta respecto a etapas anteriores, como a do presidente Fraga, que contaba con menos efectivos pese á ameaza terrorista existente entón”.
Desde a CEP denuncian que os policías da Unidade Adscrita “están a ser utilizados como fichas dun taboleiro político”, e advirten das consecuencias persoais e familiares que estas decisións poden ter para os axentes.
En canto ao conflito de fondo, explican que a renovación do convenio entre o Ministerio do Interior e a Xunta está bloqueada por motivos económicos: o Ministerio reclama que o Goberno galego asuma o 50% do custo salarial dos policías, mentres que a Xunta quere manter o modelo actual, no que o Ministerio paga a totalidade. “En Andalucía, pola contra, a Xunta autonómica aceptou esa condición e ampliou o seu cadro de persoal ata os 750 axentes”, lembra Otero, quen conclúe cunha mensaxe directa: “Basta xa de utilizarnos. Fagan o seu traballo ou dimitan”.
A CEP tamén critica o trato desigual que reciben as Policías Autonómicas doutras comunidades, sinalando que entre 2019 e 2024 o Goberno central destinou 1.512 millóns de euros á financiación das forzas autonómicas de Cataluña, Euskadi e Navarra, mentres que Galicia segue sen avances.
Ante esta situación, o sindicato solicita o cesamento do director xeral de Interior da Xunta, a quen acusan de manter unha “absoluta falta de respecto e diálogo” cos representantes dos policías. Anuncian ademais unha rolda de contactos con todos os grupos parlamentarios e co presidente do Parlamento galego para expoñer a súa posición e tratar de evitar “este despropósito”.
A CEP avanza que empregará “todos os medios ao seu alcance” para impedir o que consideran “o ataque máis grave á supervivencia da Unidade Adscrita”, advertindo de que, se se leva a cabo, “será a súa morte por inanición, que tal vez é o que se busca”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)