Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 marzo, 2024
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, informou hoxe que o Concello de Arzúa presentará alegacións ao proxecto da macrocelulosa que Altri-Greenfiber pretende instalar no concello de Palas de Rei e cuxa Avaliación e Estudo de impacto ambiental está en exposición pública até o vindeiro 17 de abril.
“Tal e como se desprende do estudo do proxecto, Arzúa ficaría afectada no caso da construción desta factoría, tanto do punto de vista socieconómico como ambiental. Preocúpanos o uso que esta factoría prevé facer das augas do encoro de Portodemouros así como impacto que pode ter na saúde polo deterioro da calidade do aire e na distribución de contaminantes, así como o impacto negativo que poida ter no tecido produtivo, fundamentalmente na agrogandeiría, e no Camiño de Santiago” sinalou Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa.
Desde a alcaldía do Concello de Arzúa informan tamén que poñen a disposición da veciñanza que queira alegar o modelo de alegación elaborado pola Plataforma veciñal Ulloa Viva. “Esta alegación pode ser recollida na Casa do Concello. As veciñas e veciños que o desexen poden presentala no rexistro do Concello, a través do portelo único e tamén poden descargala na web do Concello, www.arzua.gal, onde temos pendurada xa desde fai días a información pública sobre o proxecto” explicou Carril.
“Animo á veciñanza a informarse e a alegar, porque son moitos os efectos negativos desta macrocelulosa que pretenden instalar a poucos quilómetros de Arzúa. A veciñanza ten que defenderse e tamén para iso estamos os Concellos, non imos permitir que pisoteen os intereses das nosas veciñas e veciños” concluíu o alcalde de Arzúa.
Pola súa banda, o equipo de goberno, formado polas agrupacións de Adiante Melide e BNG de Melide, así como a portavoz do PSdeG de Melide, mostran o seu total e firme rexeitamento ao megaproxecto industrial de celulosa do grupo portugués.
Despois de analizar de maneira rigorosa o plan definitivo de Altri e vistas as grandes diferenzas existentes co proxecto de inversión inicial presentado pola empresa hai 3 anos: cámbiase a actividade principal do negocio, pasando de centrarse na produción de fibra téxtil (lyocell) á pasta de celulosa; redúcense drasticamente os postos de traballo prometidos, pasando de 2 500 estimados a unha cifra inferior aos 500; increméntase de maneira preocupante o impacto ambiental estimado (por exemplo, consumirá 1.2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano e 46 000 metros cúbicos de auga diarios), etc. O equipo de goberno, formado polas agrupacións de Adiante Melide e BNG de Melide, así como a portavoz do PSdeG, mostran o seu total e firme rexeitamento ao megaproxecto industrial de celulosa do grupo portugués Altri.
O Concello de Melide, pola súa proximidade, será un dos máis afectados polo megaproxecto de Altri e a Xunta de Galicia. Polo que o equipo de goberno considera de interese estratéxico adoptar unha posición decidida na defensa dos intereses dos melidenses e o noso territorio. As alegacións que efectuará o Concello de Melide ao megaproxecto industrial estarán enfocadas en cuestións como o impacto que pode ter na saúde das persoas, afectacións ao Camiño de Santiago, impacto medioambiental e visual, etc.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)