AD

Actualidad

Os roubos violentos aumentaron en Santiago un 73% e as pelexas case se duplicaron

today25 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, advertiu hoxe da preocupante evolución da criminalidade na cidade tras coñecerse os últimos datos oficiais, que sitúan a Santiago como a segunda cidade galega onde máis medra a delincuencia, e se convirte na cidade galega con máis delitos por cada mil habitantes, chegando a 51,28.

O edil popular destacou tres indicadores especialmente alarmantes. En primeiro lugar, os roubos con violencia e intimidación, que pasan de 48 a 83 casos, o que supón un incremento do 72,92 %. “Estamos a falar de delitos que implican ameazas ou agresións directas ás vítimas e que xeran unha enorme sensación de inseguridade”, sinalou.

Tamén suben os roubos con forza en domicilios, que aumentan un 16,8 %, ao pasar de 95 en 2024 a 111 no último exercicio. “Cando se incrementan os roubos en vivendas estamos ante un problema moi serio, porque se invade o espazo máis íntimo das persoas”.

Igualmente preocupante é o incremento das lesións e liortas tumultuarias —as pelexas— que soben un 41,38 %, de 58 a 82 casos, unha realidade que preocupa especialmente en barrios como o Ensanche, castigados polos excesos da movida nocturna e polos altercados reiterados que denuncian os veciños.

Para de la Fuente, estes datos “confirman o que levamos meses escoitando nas rúas: a tranquilidade da que presume o goberno de BNG e CA era máis aparente que real”. Nas últimas semanas sucedéronse incidentes vinculados ao trapicheo de drogas e altercados en distintos puntos da cidade, tanto no Ensanche como nas parroquias.

Conxo, Almáciga, Ensanche, Vite, Casco Histórico, Praza do Toural, Fontiñas, San Pedro, Santa Marta ou Laraño son algúns dos lugares onde a veciñanza trasladou a súa preocupación. O conato de incendio nun piso da rúa Alfredo Brañas vinculado ao trapicheo, a reactivación de puntos de venda en Santa Marta e Laraño tras intervencións policiais anteriores ou o recente altercado con arma branca no Toural reforzan a sensación de que a inseguridade está a incrementarse. A estes feitos súmanse tamén dous roubos rexistrados hai apenas uns días na parroquia de Figueiras arredor das oito da tarde, un horario no que moitos veciños están aínda facendo vida normal, incidentes o último do Pub Stilo, que requeriu da presencia da Policía Nacional; o que incrementa aínda máis a preocupación entre a veciñanza, ou mesmo a redada da pasada semana a varios narcopisos.

“A Policía Local e a Policía Nacional están a facer un traballo encomiable”, recoñeceu o edil popular, “pero ese esforzo debe estar acompañado de decisión política e medidas estruturais”. Neste sentido, o Partido Popular defende reforzar de maneira constante a presenza policial nas zonas con maior incidencia, especialmente nas franxas horarias máis conflitivas; executar o acordo plenario para ampliar e modernizar as cámaras de videovixilancia en puntos estratéxicos; desenvolver un plan específico contra o trapicheo de drogas que evite a reactivación dos puntos de venda; e impulsar un plan de seguridade para o ocio nocturno.

De la Fuente subliñou tamén que a prevención pasa por cuestións básicas de xestión municipal, como a mellora da iluminación pública, eliminando puntos escuros en rúas, prazas e itinerarios peonís. “Unha cidade ben iluminada é unha cidade máis segura”, afirmou.

Para José Ramón de la Fuente, “Santiago non pode normalizar que medren os roubos violentos, as pelexas e o trapicheo mentres o goberno municipal minimiza o problema. A seguridade é unha prioridade básica e esixe acción inmediata e planificación seria”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *