AD

Actualidad

Outono Gastronómico e Bono Turístico: as armas de Galicia contra a tempada baixa

today14 octubre, 2025

Fondo
share close
AD
  • O director da Axencia de Turismo de Galicia celebra as cifras históricas de visitantes no pasado verán, aposta por desestacionalizar o sector con produtos como o Outono Gastronómico e destaca o compromiso da Xunta co diálogo, a promoción internacional e a calidade como sinal de identidade.

Redacción, 14 de outubro de 2025.- Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, asegura que Galicia vive un dos mellores momentos da súa historia turística. Fíxoo nunha entrevista en Radio Líder Santiago onde fixo balance da tempada estival, explicou as liñas mestras da política turística da Xunta e abordou cuestións de actualidade como a taxa turística, o bono turístico ou a conexión aérea coa diáspora. As súas declaracións deixaron claro que a clave do éxito turístico de Galicia está na calidade, na diversidade e na autenticidade. “Algo ten Galicia, e algo ten o Camiño de Santiago, que fai que a xente se fidelice a este destino”, afirmou.

Segundo os datos adiantados por Merelles, o verán de 2025 superou en máis dun 3% os rexistros do ano anterior, considerado xa un dos máis exitosos da historia recente. “Foi un verán con cifras récord de ocupación hoteleira e uso de servizos turísticos”, sinalou. Mesmo a vaga de incendios que afectou o oriente galego non conseguiu frear a chegada de visitantes: “Os turistas responderon coma nun ano normal”, matizou. Galicia, di, non é só un destino estival, senón un destino global durante todo o ano: festivais, gastronomía, paisaxe, cultura e, por riba de todo, identidade.

Un dos puntos fortes da entrevista foi a reivindicación da fidelidade dos visitantes: “O 80% dos visitantes aseguran que repetirían a experiencia”, afirmou Merelles, baseado en enquisas propias da Axencia. Tamén destacou o fenómeno dos peregrinos, que primeiro chegan polo Camiño de Santiago e logo volven como turistas. “Poucos destinos poden presumir diso”, asegurou.

Neste sentido, Merelles puxo en valor o carácter acolledor dos galegos como un activo turístico: “Somos hospitalarios, caemos ben. Iso tamén aparece nas estatísticas”, engadiu. A combinación entre recursos naturais e culturais e o trato humano conforman unha marca diferencial: “Galicia ten varias Galicias dentro de si mesma”, dixo, sinalando a diversidade interna do territorio galego.

O éxito do bono turístico e o impulso do outono gastronómico

Outro dos piares da política turística actual, segundo Merelles, é a aposta pola desestacionalización da demanda, con produtos pensados para o fóra de tempada. Un exemplo é o “Outono Gastronómico”, que cumpre este ano a súa vixésima edición con 78 establecementos rurais participantes. “Son os Rolls-Royce do turismo rural español”, dixo con orgullo, referíndose aos pazos, casas grandes e casas de labranza que ofrecen paquetes con menús de tempada, aloxamento e mesmo actividades de turismo activo.

Tamén destacou o papel do bono turístico, creado tras a pandemia como medida de reactivación e xa plenamente consolidado. “Este ano vendéronse en só dous días, cunha achega ao sector de 2,6 millóns de euros”, sinalou. A Xunta achega o 40% do importe dos bonos, que se xestionan con facilidade mediante un código QR. “É unha ferramenta fundamental para activar o turismo nos meses máis baixos”, rematou.

Sobre a polémica taxa turística impulsada polos concellos de Santiago e A Coruña, Merelles foi claro: “A Xunta cumpriu co seu compromiso, pero ese non era o espírito co que naceu a lei”. O director lamentou que non se producise un diálogo real cos sectores implicados e recordou que a Xunta bonifica ao 100% a taxa a nivel autonómico. “Foron os concellos os que decidiron aplicar recargas mediante ordenanzas municipais, e iso provocou recursos xudiciais por parte do sector”, explicou.

Merelles defendeu que Galicia non precisa, polo momento, unha taxa turística xeral. “É un destino que medra ordenadamente, que non está saturado e que require un desenvolvemento sostible”, engadiu. A normativa, subliñou, naceu para ordenar e planificar, non para xerar conflito.

Coldplay en Galicia? “Hai que traballalo”

Nun momento máis distendido da entrevista, Merelles confesou o seu desexo de ver actuar a Coldplay en Galicia. “Hai que traer a Coldplay”, dicía o entre risas nunha enquisa de Radio Líder Santiago e a popular conta de Instagram Galicia Mola na pasada edición do festival O Son do Camiño. A hipotética participación da banda inglesa no festival do Monte do Gozo reforzaría a aposta da Xunta polos festivais como motor turístico. “Hai que traballalo e ver se hai oportunidades”, incidiu.

Segundo adiantou, os concertos do Xacobeo chegarán este ano a máis de 80 localizacións con 180 eventos musicais. “No Xacobeo 21-22 participaron un millón de persoas nos espectáculos patrocinados pola Axencia de Turismo”, lembrou.

A futura conexión aérea entre Santiago e Nova York anunciada para 2026 é, segundo Merelles, resultado dunha estratexia de promoción internacional sostida: “Investimos 13 millóns de euros ao ano en promoción no exterior”, afirmou. Aínda así, mostrou preocupación pola saída de Ryanair nalgúns aeroportos galegos: “A discusión entre Ryanair e AENA está a prexudicarnos, e pedimos diálogo entre ambas partes”, explicou, reclamando que AENA lidere un proceso para reforzar a conectividade do país.

Merelles rematou a entrevista falando da marca “Galicia Calidade”, que agora tamén se emprega na promoción turística. “É unha carta de presentación que conecta coa xente desde o primeiro segundo”, afirmou. Por primeira vez, unha campaña turística leva esta marca emblemática, recoñecida tanto en España como no estranxeiro, como símbolo de autenticidade e excelencia. “É unha campaña que non engana a ninguén”, sentenciou.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *