Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 febrero, 2026
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e o Comité de Empresa da concesionaria do transporte sanitario na área Santiago-Barbanza fixeron público un duro comunicado no que denuncian as graves carencias do servizo de ambulancias, postas especialmente de manifesto durante os colapsos das urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago nos días 9 e 12 de xaneiro de 2026.
Segundo explican, desde setembro de 2024 o servizo está xestionado de forma privada pola UTE TSNUX Santiago-Barbanza, integrada polas empresas Ambulancias Casablanca Santiago e Servicios Sanitarios del Cantábrico. As dúas entidades asinantes do comunicado amosan a súa “absoluta discrepancia” con este modelo, ao considerar que a xestión privada dun servizo esencial como o transporte sanitario resulta “eticamente reprobable” e supón unha drenaxe de recursos públicos, cun beneficio empresarial que cifran en 1,15 millóns de euros ao remate do contrato.
O comunicado denuncia que a adxudicación se fixo cunha dotación de 45 ambulancias, consideradas claramente insuficientes para unha área sanitaria de 4.871 quilómetros cadrados, con máis de 443.000 habitantes distribuídos en 45 concellos e cunha elevada dispersión xeográfica. Esta situación, aseguran, provoca unha “discriminación por razón de residencia”, cunha das peores ratios de ambulancias por habitante de Galiza e un nivel de prestación moi inferior ao doutras áreas sanitarias.
Pacientes e traballadores alertan tamén de que, malia as reiteradas advertencias do persoal sobre a necesidade de polo menos dez unidades máis, o CHUS conta unicamente con dúas ambulancias tipo A1, en ocasións cun só condutor. Esta insuficiencia foi unha das causas das longas esperas para o traslado de pacientes xa dados de alta, o que impediu liberar camas e contribuíu á acumulación de doentes graves nos corredores do servizo de urxencias.
Outro dos puntos críticos sinalados é a falta de integración do persoal de ambulancias no sistema do SERGAS, o que lles impide acceder a medios básicos como ascensores, padiolas ou cadeiras de rodas, así como á información necesaria sobre os pacientes. Esta carencia organizativa, aseguran, repercute negativamente tanto na calidade asistencial como na seguridade dos propios profesionais e das persoas transportadas.
Por todo isto, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e o Comité de Empresa esixen a desprivatización do transporte sanitario, unha dotación suficiente de medios materiais e humanos e a integración de todo o persoal no SERGAS. Ademais, fan un chamamento aos pacientes e usuarios para que denuncien as deficiencias do servizo, convencidos de que só así se poderá mellorar a atención sanitaria pública.
Escrito por Líder Redacción
ambulancias barbanza denuncia pacientes e usuarios CHUS sanidade Santiago de Compostela


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)