AD

Comarca

Padrón celebra o legado e a determinación das súas mulleres a través de ‘Rumorosas 2026’

today25 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

 

  • A iniciativa, impulsada xunto ao CIM Terras de Iria, pon en valor a traxectoria de oito veciñas que son referentes en sectores como a ciencia, o deporte, a empresa ou o voluntariado
  • Nesta edición as protagonistas son Lola Paz, Amparo Acosta, Anabel Rivas, Carmen Osorio, Catalina Pereira, María Teresa López, Verónica Blanco e Eneida León

Padrón. 25-02-2026.- O Concello de Padrón, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM) Terras de Iria, conmemora o Día Internacional da Muller coa presentación de Rumorosas 2026. Esta iniciativa institucional busca visibilizar e recoñecer o papel fundamental de mulleres que, co seu esforzo diario e a súa excelencia profesional e humana, foron e son pezas clave no motor social e económico de Padrón.

Nesta nova edición, o proxecto pon o foco en perfís diversos que abranguen dende o comercio centenario e o compromiso social, ata a vangarda da investigación científica e o deporte. Todas elas comparten un fío común: a determinación de abrir camiños nunha sociedade que aínda traballa pola igualdade real. Son mulleres que constrúen comunidade, que educan en valores e que demostran que o talento non entende de xéneros.

As protagonistas de Rumorosas 2026

Lola Paz: mestra de primaria durante 38 anos, Lola dedicou a súa vida a educar dende o corazón. Tras xubilarse e logo de criar a cinco fillos, o seu compromiso non parou e hoxe é un piar fundamental no voluntariado de San Vicente de Paúl. Para Lola, a visibilidade debe ser constante: “O 8M debería celebrarse todo o ano, porque somos nós, as mulleres, as que levamos o peso da sociedade”.

Amparo Acosta: simboliza a forza feminina no sector industrial. Foi unha das primeiras mulleres en integrarse na Picusa, á que dedicou máis de catro décadas de compromiso e constancia. A súa vida reflicte responsabilidade e esforzo co traballo e coa familia: “Hai que traballar cada día para conseguir as cousas; a perseveranza e a dedicación son a mellor herdanza”.

Anabel Rivas: catedrática de Latín e Grego, formou a xeracións de alumnos e alumnas durante catro décadas cunha convicción firme: a educación é rigor, pero tamén é gozo. O seu legado non está só nos coñecementos transmitidos, senón na canteira de mozos e mozas que hoxe valoran a cultura, o pensamento crítico e o esforzo. Anabel lanza un aviso á mocidade neste 8M: “Creo que a xente máis nova está a baixar a garda. Debemos coidar e fortalecer, con responsabilidade, todo o que xa conseguimos”.

Carmen Osorio: á fronte da Tienda Mundial durante corenta anos, Carmen herdou e transmitiu a forza das mulleres da súa familia sempre dando exemplo de traballo, constancia e dignidade. Para ela, o futuro escríbese con unión: “Ás mulleres aínda nos queda moito camiño por percorrer, pero con respecto, forza e determinación, somos capaces de acadar todo o que nos propoñamos”.

Catalina Pereira: representa a forza dunha nova xeración de rapazas que medran co balón nos pés e os obxectivos ben claros. O seu talento e dedicación levárona en 2024 a proclamarse campioa galega coa selección comarcal de Santiago e agora a formar parte da Selección Galega sub-16. “Non debemos frear os nosos soños por ser mulleres. Hai moitos exemplos de referentes que xa demostraron co exemplo que se pode”.

María Teresa López: chegou a Padrón sendo moi nova e asumiu a responsabilidade de conservar e actualizar a histórica Joyería Escotti, fundada en 1865. Nun ámbito tradicionalmente masculino, destacou pola súa seriedade, calidade e confianza, mantendo vivo un negocio con máis de 160 anos de historia no corazón da vila. María Teresa apela á loita activa: “É fundamental que as novas xeracións non dean nada por feito e sigan pelexando por cada avance. Aínda queda moito por facer”.

Verónica Blanco: bióloga e investigadora en biotecnoloxía na USC, defensora da educación sen estereotipos, do respecto, da honestidade e da sororidade, e comprometida en abrir camiños para novas xeracións de científicas: “Necesitamos referentes e unha cultura que visibilice o traballo das mulleres na ciencia. É preciso educar con actitude e sen prexuízos”.

Eneida León: TSAF e adestradora personal, que leva máis dunha década axudando a homes e mulleres a sentirse seguros e saudables, promovendo a disciplina, a constancia e o coidado persoal como claves para o benestar e o empoderamento. “O 8M é un momento para reivindicar os nosos dereitos e o esforzo que facemos para ocupar o mesmo lugar que os homes”, afirma.

O acto de homenaxe terá lugar durante a Gala do 8M o domingo 8 de marzo ás 18.30 horas no Auditorio de Padrón.

Estas oito mulleres representan distintos ámbitos da vida social, cultural, deportiva, educativa e profesional en Padrón. Rumorosas 2026 pon en valor o seu labor, a súa dedicación e o seu compromiso coa igualdade, converténdoas en referentes e inspiración para novas xeracións de mulleres.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *