AD

Actualidad

Padrón incorpora catro axentes de policía e instala cámaras de seguridade

today3 julio, 2024

Fondo
share close
AD
  • “Convocar estas catro prazas foi unha das miñas primeiras decisións e o obxectivo é acadar canto antes un corpo de Policía Local con catorce integrantes para cubrir as 24 horas do día”, destaca o alcalde Anxo Arca
  • Ademais de mellorar a seguridade e a orde no municipio, aumenta a presenza feminina no cadro de persoal pasando de ter unha a tres axentes mulleres

Padrón. 03-07-2024.- O Concello de Padrón segue avanzando no seu compromiso de aumentar a seguridade no municipio coa recente incorporación de catro novos axentes de Policía Local que comezaron o seu período de prácticas o pasado luns 1 de xullo. Estes novos axentes, dous homes e dúas mulleres, completarán a súa formación previa á toma de posesión definitiva das súas prazas, incrementando o cadro de persoal policial e mellorando a capacidade de vixilancia e resposta do corpo.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destacou a importancia destas incorporacións, afirmando que “era unha necesidade moi apremante, xa que o persoal estaba baixo mínimos”. “Convocar estas catro prazas foi unha das miñas primeiras decisións e o obxectivo é acadar canto antes un corpo de Policía Local con catorce integrantes para cubrir as 24 horas do día e poder realizar unha vixilancia efectiva do municipio, así como garantir o cumprimento das ordenanzas vixentes”. O rexedor subliñou tamén que “Padrón debe ser un pobo ordenado e seguro para toda a cidadanía”.

Con estas incorporacións, o Concello de Padrón non só mellora a seguridade e a orde no municipio, senón que tamén promove un avance na presenza feminina no corpo policial, pasando de ter unha a tres axentes mulleres, o que representa un importante paso cara á igualdade de xénero dentro da institución.

Ademais, o Concello de Padrón completou recentemente a instalación de catro cámaras de seguridade de altas prestacións. Estas cámaras permitirán realizar un control efectivo do tráfico e aumentar a protección dos edificios públicos municipais. O alcalde Anxo Arca adiantou que se trata dunha primeira fase “con catro cámaras ás que se sumarán máis dadas as prestacións que ofrecen e ao seu carácter disuasorio, que facilita a acción policial e evita incumprimentos da legalidade”.

O Concello de Padrón está comprometido coa mellora continua da seguridade e benestar dos seus cidadáns. A través de iniciativas innovadoras e efectivas, Padrón busca ser un referente en seguridade e calidade de vida para todos os seus veciños.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%