Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Padrón. 05-06-2024.- Padrón celebrou este mércores 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente cunha serie de obradoiros educativos entre o alumnado do municipio. Estas accións enmárcanse dentro dunha axuda conseguida polo Concello para o proxecto de promoción da reciclaxe e que conta con aportación do propio Concello, Xunta de Galicia, Ministerio de Transición Ecolóxica e Fondos Next Generation da Unión Europea .
As concelleiras de Medio Ambiente, Ana Castro, e de Educación, Mariló Saco, presentaron ao alumnado as diferentes actividades de divulgación sobre os beneficios da reciclaxe e da correcta separación de residuos e animárono a implicarse na súa posta en práctica.
A cativada do CEIP Rosalía de Castro e IES Camilo José Cela coñeceu os proxectos de reciclaxe que o Concello ten en marcha en sesións reducidas de apenas 20 alumnos e alumnas para garantir así unha participación activa de todos os asistentes nos xogos e nas actividades previstas. Nas vindeiras semanas a campaña trasladarase ao demais centros de Padrón.
Os nenos e nenas de educación infantil e primaria gozaron cun quebracabezas xigante, unha ruleta de residuos para adiviñar en que contedor deben depositar os residuos e un set de cubos das diferentes fraccións. Para os estudantes de secundaria e de bacharelato as actividades incluíron a guías didácticas sobre a regra das ‘tres R’ e mesmo o uso de aireadores e termómetros para medir a temperatura do compost nas diferentes fases.
Ana Castro, concelleira de Medio Ambiente, destacou a importancia destas actividades: «É fundamental que desde pequenos aprendan a importancia da reciclaxe e a separación de residuos porque eles serán en moitos casos os que lles van dicir aos seus pais como facelo». A edil insiste en que son moitas as campañas que se fixeron en Padrón para coidar a contorna como a recollida de lixo na beira do río e a idea é continuar con máis propostas dirixidas á veciñanza de todas as idades. Por iso, no Día Mundial do Medio Ambiente insiste en que “é fundamental non só coidar a natureza, senón tamén gozar dela”.
Estas actividades forman parte do compromiso adquirido polo goberno local de Padrón para promover a sustentabilidade e a protección do medio ambiente e que se reflexa nas diferentes iniciativas que están levando a cabo nos últimos meses no municipio. Con estas accións espérase que dende os máis pequenos ata os maiores adquiran os coñecementos necesarios para converterse en cidadáns responsables e comprometidos coa preservación da nosa contorna.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)