Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 julio, 2025
• O Concello de Padrón licitou sete proxectos nos últimos 20 días.
• Anxo Arca: “Iniciamos unha fase centrada na licitación de obras que permitan mellorar significativamente o estado do noso viario e doutros espazos públicos que levan anos abandonados como consecuencia do desleixo e incapacidade dos gobernos do Partido Popular ”
Padrón. 2-7-2025.- O Concello de Padrón vén de dar un paso decisivo na execución de proxectos de mellora de infraestruturas ao licitar, nos últimos vinte días, un total de sete obras que supoñen un investimento conxunto de 1.594.541,45 euros. “Este volume de licitación marca o inicio dunha nova etapa na que executaremos unha gran batería de obras para mellorar vías e espazos públicos do noso municipio que adoecen dun flagrante déficit de mantemento”, asegura o alcalde, Anxo Arca.
Entre os proxectos licitados, os dous de maior importe son a reforma integral da escola infantil municipal, que o concello tivo que trasladar temporalmente pola súa insalubridade e que conta cun orzamento de 892.656,46 euros. E a reforma do campo de fútbol de Estramundi, para renovar o céspede artificial, dotalo de drenaxes, rego e outras melloras, cun investimento de 358.993,97 euros.
Ademais destas dúas destacadas infraestruturas, o Concello saca tamén a licitación a reforma de dous parques infantís: o da rúa Vila de Rianxo (65.287,79 €) e o de A Devesa (Estramundi, 52.000 €). Nas últimos días tamén saíron a licitación a mellora de diversos camiños municipais: en Sinde e Pedroso (71.324,80 €), Pedreda (73.808,88 €), Pazos e Vilar (80.469,65 €).
Estas actuacións están financiadas a través do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña, correspondente a distintas anualidades. O alcalde de Padrón, Anxo Arca, salientou que este volume de licitacións marca o inicio dunha nova etapa centrada na execución de proxectos de maior envergadura.
“Unha vez concluídos os procesos de estabilización do persoal municipal, establecida xa a senda de traballo en canto á tramitación de licenzas de obras particulares e realizado o mantemento de diversas infraestruturas públicas existentes, iniciamos unha nova fase centrada na licitación de obras que permitan mellorar significativamente o estado do noso viario e doutros espazos públicos que levan anos abandonados como consecuencia do desleixo e incapacidade dos derradeiros gobernos do Partido Popular”.
Segundo o rexedor, este ritmo de licitación evidencia a capacidade organizativa do Goberno local, que aspira a manter esta dinámica nos vindeiros meses. “Durante os dous primeiros anos de mandato, sementamos. Agora toca recoller os froitos dese traballo. Van ser moitas as obras que se materialicen a partires de agora para que todos os territorios do municipio noten melloras máis ca necesarias”, afirma Anxo Arca.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)