Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 febrero, 2026
O Concello de Padrón desmente de maneira rotunda as informacións difundidas polos grupos municipais do PP e do BNG en relación á xestión da Escola Infantil Municipal de Padrón-Carcacía, ao considerar que non se axustan á realidade e responden a unha estratexia política baseada na desinformación e alarma social.
Desde o goberno local aclárase que non existe ningún escrito de queixa presentado polas familias no Concello, polo que as afirmacións realizadas por ambos grupos da oposición non están avaladas por reclamacións formais nin por documentación oficial e menos aínda polas familias.
O alcalde de Padrón, Anxo Rei, afirmou que “estamos ante un ataque político claramente electoralista, no que se xera alarma social a costa dun servizo esencial, sen datos e sen rigor”. Segundo indicou, “todo o que se está dicindo pode comprobarse en documentos públicos accesibles a calquera persoa”. “Unha vez máis evidénciase a vergonzosa alianza entre PP e BNG. O PP foi o causantes de todas as problemáticas da escola infantil e o BNG decideu aliarse, precisamente, con quen abandonou esta infraestrutura”. “Afortunadamente, a cidadanía padronesa quixo ter un goberno socialista que traballase para solucionar este e tantos outros problemas que ten o noso pobo”.
Traslado avalado por informes técnicos
O goberno municipal lembra que o traslado da Escola Infantil de Padrón realizouse por motivos estritamente técnicos e de seguridade, xa que o edificio anterior —o mesmo que se atopa actualmente en proceso de licitación— conta cun informe de insalubridade emitido polos técnicos municipais de Urbanismo. Este informe foi entregado á oposición, polo que, segundo o alcalde, “resulta sorprendente que agora se cuestione unha decisión avalada polos propios técnicos do Concello”.
Pagos en prazo e financiamento municipal maioritario
Desde o Concello aclárase tamén que todas as facturas municipais se abonan dentro dos prazos legais e que non existe ningún impago pendente relativo á escola infantil municipal. A información económica correspondente está recollida nas Xuntas de Goberno, de carácter público.
En relación coa subvención autonómica, o goberno local lembra que o atraso no pagamento por parte da Xunta ata o mes de xaneiro non depende do Concello, que cumpriu coas súas obrigas ao presentar a solicitude da subvención en tempo e forma, motivo polo cal foi concedida.
O alcalde subliñou ademais que “é importante dicir toda a verdade: o custo total anual da escola infantil é de 96.586,16 euros, sen incluír o transporte escolar, e a achega da Xunta non chega nin ao 20 % desa cantidade”. “O Concello asume máis do 80 % do custo real do servizo e, ademais, financia integramente un transporte escolar municipal gratuíto cando a competencia das escolas infantís é da Xunta”, engadiu.
Compromiso coa continuidade da escola infantil
“A continuidade da escola infantil municipal acredítase con feitos e investimentos, non con palabras. Non se destinan 830.857,17 euros á rehabilitación dun servizo que se quere pechar” afirma Anxo R. Arca e prosigue “esta inversión demostra un compromiso claro coa escola infantil e responde, ademais, á necesidade de corrixir anos de falta de mantemento do edificio, unha situación herdada de gobernos do PP e visible noutras infraestruturas municipais que a veciñanza coñece ben”.
Tan foi para o PP a falta de interese pola escola infantil que, ademais de permitir que o edificio da escola chegase a unha situación límite, a empresa que presta o servizo leva co contrato vencido desde o ano 2011. Van 15 anos traballado con prezos de 2007, o que causa que cada certo tempo haxa que facer compensacións de ingresos para que a empresa poida seguir traballado. Unha anomalía administrativa arrastrada durante moitos anos como consecuenza da inoperancia dos gobernos do PP que o actual executivo local decidiu corrixir con rigor e transparencia.
A vontade política do actual goberno con este servizo concrétase co proceso de licitación posto en marcha polo actual executivo Concello de Padrón. A este presentáronse cinco empresas como se puido comprobar mediante a acta da celebrada Mesa de Contratación do pasado 29 de xaneiro, que fará realidade a nova escola infantil. A isto súmase que desde o traslado do servizo ata a actualidade, existe un servizo gratuíto de transporte á Escola Infantil Municipal, único en Galicia a nivel municipal.
Así mesmo, o goberno local aclara que unha vez finalizado o proceso de licitación da obra de rehabilitación, iniciarase tamén a licitación do servizo da escola infantil municipal, co obxectivo de garantir a legalidade, a transparencia e a concorrencia pública. Este procedemento permitirá corrixir prácticas irregulares do pasado e evitar situacións de fraude de lei nas que se viña incorrendo de maneira reiterada durante os mandatos do PP, mantendo durante anos un servizo esencial sen o correspondente procedemento de contratación.
Toda está información é pública e consultable no perfil do contratante do Concello de Padrón. “A escola infantil non está en risco; o que está en risco é a verdade cando se falta ao rigor. Padrón terá en breve a escola infantil que merece. Unha escola moderna e ben dotada. Unha escola infantil do século XXI”, concluíu o alcalde
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)