Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 octubre, 2025
O delegado do Goberno en Galicia, entrevistado en ‘Los Desayunos del Gran Hotel Los Abetos’, sinala a «lentitude extrema» da Xunta cos fondos europeos, revela que Galicia é a terceira comunidade máis segura e avoga por «acordos de coxestión» na AP-9 e mais infraestruturas
Redacción, 29 de setembro de 2025.– O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Loveiras, utilizou o novo formato de entrevista ‘Los Desayunos del Gran Hotel Los Abetos’ en Radio Líder para trazar unha liña clara da súa xestión, responder ás críticas e avanzar a súa visión de futuro, tanto para a administración estatal como para a súa propia traxectoria política. Perante as preguntas dos xornalistas Antonio Lodeiro, María Méndez e Fernando González Macías, Blanco desgranou con detalle as funcións do seu cargo, a situación da seguridade, a complexa relación co Goberno autonómico e, de xeito máis sutil, as súas pretensións de encabezar a lista do PSdeG-PSOE ás eleccións municipais en Santiago de Compostela.
Comezou por deslindar as competencias da súa delegación, moitas veces invisibles para a cidadanía. «É algo normal que non se coñeza, efectivamente, ou non se dê a coñecer cales son as funcións do delegado do goberno», recoñeceu, para acto seguido enumerar unha lista que vai da dirección dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ao control sanitario alimentario ou a vacinación internacional. «Para que nos entendamos, cando entrei na delegación, teño que recoñecer que había funcións que, de algún xeito, non tiña presentes», admitiu, subliñando a enorme pegada do Estado: «Falamos en Galicia de máis de 4.000 funcionarios ou empregados que dependen da Administración Xeral do Estado». A súa conclusión foi rotunda: «O Estado non está ausente en Galicia, senón que está moi presente… O fundamental é mellorar a calidade de vida de cada galego e cada galega».
Ante a dobre pregunta de Antonio Lodeiro sobre a criminalidade e o descontento nos corpos policiais, Blanco exhibiu un dato estadístico como un logro colectivo: «Aínda que os galegos somos persoas moi modestas, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma máis segura de España». Recoñeceu que «nunca é suficiente» en materia de seguridade e destacou os esforzos en reforzar os medios humanos e materiais, poñendo como exemplo as novas comisarías e cuarteis. Porén, alertou sobre unha nova fronte: «É verdade que nos está repuntando unha nova criminalidade que é bastante complicada de lutar con ela que é a ciberdelincuencia». Sinalou que a estratexia pasa por «reforzar a pedagoxía» para evitar que as vítimas «involuntariamente colaboren co propio autor».
Questionado sobre a proposta do BNG de arrebatar competencias de tráfico á Garda Civil, Blanco fixo unha defensa pausada pero firme do modelo de diálogo co autonomismo. «Non somos un goberno que aposta pola cogobernanza, é que forma parte do propio ADN constitucional», argumentou. «Noso país é un país autonomista e por tanto onde as competencias son compartidas ou son transferidas, por tanto eu creo que neste caso non temos que ter medo nin sentir que perdemos nada». Deixou a porta aberta a máis transferencias, sempre dentro do marco constitucional, e avogou por «acordos de coxestión» incluso nas competencias non transferibles, como as meteorolóxicas.
Foi na pregunta de Fernando González Macías onde se produciu o enfrontamento máis directo co discurso da Xunta. Blanco rebateu con cifras a crítica sobre a xestión centralizada dos fondos europeos. Revelou que de 1.600 millóns de euros xa transferidos á Xunta, «hai practicamente 50% sen executar». A súa resposta foi unha das frases máis contundentes da mañá: «Sempre digo o mesmo: cando pidas máis, que efectivamente estaban que os pidas, pero primeiro ocúpate de executalos». Culpou directamente á administración autonómica da «lentitude na execución» e desmontou a idea de que o problema sexa a burocracia estatal, xa que o Goberno central xestiona o 52% dos fondos cun nivel de execución axeitado. «A responsabilidade neste caso é da persoa que ten que executar», sentenciou, nun claro mensaxe ao presidente Rueda.
María Méndez preguntoulle directamente se se considera un delegado institucional ou político. Blanco, sen tapuxos, recoñeceu a súa natureza: «Non vou a negar que efectivamente son socialista». Explicou que a súa militancia vén de lonxe –»xa estaba afiliado antes» de 1991– e que a súa traxectoria sindical en UGT marcou a súa ideoloxía. «Cando no goberno de España se aproba unha lei como é a da eutanasia… era o que eu defendía fai moi pouco tempo nos xulgados», dixo para ilustrar a compatibilidade entre o cargo e as suas conviccións.
É neste contexto onde, sen chegar a anuncialo de forma explícita, deixou caer as súas intencións de dar o salto á política municipal. Fontes próximas ao partido confirmaron que a súa designación como candidato á alcaldía de Santiago é case un feito, e a súa intervención estivo salpicada de guiños a ese futuro. Referirse a Santiago como «a miña cidade» e salientar a súa vinculación con ela desde os 14 anos non foron casualidades, senón elementos dun discurso que busca sementar a súa proxección local, un movemento estratéxico do PSdeG para recuperar a capital galega «para que Santiago saia da paralise».
A entrevista pintou o retrato dun home cómodo no seu cargo actual pero xa con miras nun desafío maior. Pedro Blanco saíu reforzado do encontro, mostrándose como un socialista convencido, un xestor que exige eficiencia á Xunta e un firme defensor da presenza do Estado, que agora busca levar esa batalla ao terreo do concello santiagués, xa que son moitos os que pensan que a súa candidatura en Santiago non é só unha aspiración persoal, senón a peza central da estratexia socialista para a capital galega.
Escrito por Líder Redacción
delegado do goberno Entrevista galicia los desayunos del gran hotel los abetos Pedro Blanco politica psoe Santiago de Compostela xornalismo
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)