Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 febrero, 2025
O humorista, actor e guionista galego fala en Radio Líder Santiago sobre a súa longa traxectoria, os seus proxectos audiovisuais e a homenaxe a Farruco, referente do humor en Galicia.
O actor e humorista Pepo Suevos celebrou en Radio Líder Santiago os seus 25 anos no mundo da comedia, repasando unha traxectoria chea de éxitos e novidades. Desde o seu comezo nos bares de Compostela ata a súa participación en series de éxito e a escrita da súa primeira longa metraxe, Suevos segue a ser unha figura clave no audiovisual galego. «Se cando fixen 10 anos de carreira fixen un monólogo de 10 horas e cando cheguei aos 20 fixen unha xira de 20 días, agora polos 25 vou facer unha xira de 25 datas por toda Galicia», afirmou o humorista, quen bautizou esta serie de actuacións como «Xira do cuarto de século».
A iniciativa xurdiu tras unha consulta co seu público a través das redes sociais, onde os seguidores escolleron as cidades onde queren velo actuar. A primeira cita será o 21 de febreiro, e a última está programada para o 19 de decembro de 2025.
Outro dos grandes proxectos que trae entre mans Pepo Suevos é a súa primeira longa metraxe, ambientada na Compostela nocturna dos anos 90. O guión, que está en proceso de presentación en diferentes certames, inclúe unha forte inspiración autobiográfica. «Os que me coñecen saben que pasei moitos anos na noite compostelá, e iso déixase ver na historia», comentou Suevos.
A trama, que podería adaptarse tamén como unha miniserie, mantense en segredo ata que finalicen os concursos aos que foi presentada. Iso si, o actor xa avanzou que escribiu o papel protagonista pensando en si mesmo. «Se un actor escribe un guión e non se pon de protagonista, é que é parvo», bromeou.
Ademais da súa carreira como monologuista, Pepo Suevos consolidouse como actor en series de televisión de gran repercusión. O seu nome aparece nos créditos de «Clanes», «Rapa», «Los Enviados», «Nos Vemos en Otra Vida» e a película «Soy Nevenka», que está nomeada aos Premios Goya. «Nos últimos anos tiven a sorte de traballar con grandes profesionais, en proxectos para plataformas como Movistar, Disney Plus e Sky Showtime. Galicia converteuse nunha referencia do audiovisual, e iso é algo do que debemos estar orgullosos», asegurou.
Outro dos temas abordados na entrevista foi a homenaxe que se lle renderá ao humorista Farruco, un dos precursores da narración oral e do humor en Galicia. «Temos a tendencia de ensalzar ás persoas cando xa non están. A min paréceme moito mellor recoñecer os méritos en vida, para que os protagonistas poidan disfrutar dese recoñecemento», explicou Suevos.
O evento celebrarase este martes 4 de febreiro ás 20.30 horas no Salón Teatro de Santiago de Compostela e contará coa participación de varios humoristas galegos. A billeteira abrirase ás 18.30 horas, con entrada libre ata completar aforo.
Outro dos proxectos recentes de Pepo Suevos é a webserie «Espello Espelliño», unha produción impulsada polo supermercado Supernito de Vilanova de Arousa. O que naceu como un experimento para redes sociais acabou por converterse nunha serie emitida en televisión, que agora aspira a ser nomeada nos Premios Mestre Mateo. «Que un supermercado teña a súa propia serie de televisión paréceme marabilloso. Ao final, a ficción pode nacer en calquera parte», comentou con humor.
A serie, que comezou cunha produción modesta, está agora proposta en varias categorías dos premios, competindo con grandes proxectos audiovisuais de Galicia.
Aínda que a súa axenda está chea de compromisos, Suevos non descarta asumir novos retos, como a dirección de cine. «Se teño que empezar cunha curta antes de dar o salto á dirección dunha longa, fareino. Pero todo require financiamento e tempo», admitiu.
Ademais, revelou que xa ten un novo proxecto en mente: unha curta ambientada nun programa de radio. «Curiosamente, xa escribín unha curta sobre unha emisora de radio. Igual aquí en Radio Líder podemos facer unha coprodución…», lanzou como suxestión.
O que está claro é que Pepo Suevos non para. Con 25 anos de carreira, segue a sorprender co seu talento, a súa enerxía e a súa capacidade para reinventarse. A risa está asegurada.
Tes a entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
actor Entrevista galicia humor pepo suevos radio lider santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)