AD

Destacado

Polémica en Compostela: o futuro do solar de Peleteiro enfróntase á oposición veciñal

today25 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

A Asociación Veciñal Raigame denunciou a existencia de “sombras e contradicións” na resposta municipal ás alegacións presentadas contra a futura urbanización do solar do antigo colexio Peleteiro, no Ensanche compostelán. O colectivo considera que esta actuación representa “a última oportunidade” para dotar ao barrio de servizos sociocomunitarios historicamente demandados.

Segundo a veciñanza, o proxecto actual só contempla un espazo de arredor de 900 metros cadrados para uso social, considerado claramente insuficiente para unha poboación de preto de 30.000 residentes, cun elevado índice de envellecemento. Neste sentido, reclaman a creación dun centro de día e dunha gardería pública como equipamentos prioritarios para o barrio.

A entidade tamén subliña a necesidade de habilitar zonas verdes que funcionen como refuxios climáticos, así como espazos multiusos destinados a actividades culturais, sociais e comerciais que contribúan á dinamización do Ensanche. Neste contexto, lembran a actividade cultural que no pasado acolleu a Aula de Cultura da Carreira do Conde.

Desde Raigame critican que, malia que o solar podería pasar a mans públicas, o goberno municipal manteña unha proposta que, ao seu xuízo, prioriza usos comerciais fronte ás necesidades sociais, nunha zona onde xa existen numerosos baixos baleiros.

Outro dos puntos de conflito é o impacto na mobilidade. A veciñanza alerta de que o proxecto prevé a creación dun aparcadoiro soterrado con capacidade para uns 400 vehículos, o que podería incrementar o tráfico nun barrio no que se están a aplicar medidas de humanización e redución do uso do coche.

Ademais, cuestionan o procedemento escollido para a modificación do PXOM, tramitado pola vía simplificada, e critican a falta de consenso coa veciñanza, lembrando compromisos previos do actual goberno local.

Por outra banda, tamén poñen en dúbida que o modelo de vivenda pública previsto —de promoción privada— sexa unha solución efectiva ao problema habitacional da cidade, defendendo a existencia de alternativas máis eficaces.

Ante esta situación, a Asociación Veciñal Raigame anunciou a súa intención de presentar un contencioso administrativo co obxectivo de esclarecer o proceso e defender as súas reivindicacións.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *