AD

Actualidad

Pontecesures, berce dos últimos cereiros galegos: «Quero crear un museo da cera no Camiño»

today2 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • O artesán Joaquín Diéguez, cuarta xeración da histórica Cerería Diéguez, crea unha vela especial polo centenario de Pontecesures e soña con abrir un museo na súa fábrica ao carón do Camiño para preservar o legado cereiro da vila.

Redacción, 2 de decembro de 2025. A luz das velas segue a alumear en Pontecesures grazas a Joaquín Diéguez, cuarta xeración da familia fundadora da Cerería Diéguez, unha das máis antigas de Galicia. A empresa, creada en 1844 polo seu bisavó José Diéguez Sueiro, conserva viva unha tradición artesanal que resistiu máis dun século e medio de cambios. “Para min é un orgullo seguir a tradición familiar e manter viva unha fábrica que foi industria e hoxe é artesanía pura”, explicou o cereiro durante unha entrevista radiofónica.

A Diéguez coñécese polas súas velas de man, cirios de procesión e pezas decorativas para cine, eventos ou vodas. Con motivo do centenario do Concello de Pontecesures, o artesán decidiu crear unha vela conmemorativa: “Quixen render homenaxe ao pobo e á miña familia, que fixo posible que este oficio siga vivo”. A vela, deseñada como un fanal de luz indirecta, pode empregarse tanto en interiores como en xardíns e venderase na libraría Cativos da vila. “É unha peza versátil, feita para durar moitos anos e acompañar momentos especiais”, engadiu.

O artesán lembra que o negocio pasou por etapas de esplendor e tamén de crise: “Antes era unha locura; hoxe en día o consumo de velas é distinto, pero segue habendo xente que aprecia o feito á man”. A adaptación foi clave: Diéguez abriu tamén unha tenda en Pontevedra, na rúa San Román, e ofrece velas personalizadas, con aromas e cores. “Pídeme a xente cousas rarísimas: velas con sal, con herbas, con pólvora… eu gústome moito crear cousas novas”, confesou entre risas.

Consciente de que o seu oficio é cada vez máis escaso, Joaquín define con humor o seu papel: “Son o último mohicano da cera”. Mais o seu soño vai máis alá do taller: “A fábrica está pegada ao Camiño de Santiago; quero facer un museo da cera para que a xente vexa as pezas antigas e coñeza esta historia”. Xa mantén contacto co Museo de Pontevedra para facer realidade ese proxecto.

A entrevista pechou cunha reflexión que resume o espírito deste artesán: “Estas tradicións son parte da nosa historia. Hai que conservalas con cariño, porque foron industria, vida e sustento de moitas familias”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *