Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 enero, 2024
Basta xa de facer esperar anos aos nenos e ás nenas de Ames e ás súas familias por unha infraestrutura educativa esencial, afirma
Avanza que un Goberno liderado polo BNG cumprirá co concello e coa comarca reforzando os servizos públicos e mellorando as infraestruturas
Santiago de Compostela, 18 xaneiro 2023.- A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, participou nun acto público en Ames dentro dos actos de precampaña que está a desenvolver o BNG, onde aproveitou a súa intervención para destacar algunhas das medidas para este concello e toda a comarca que ten previsto desenvolver o Goberno que aspira a presidir a partir do 18F.
Pontón afirmou que se obtén a confianza dos galegos e as galegas, Ames “terá en min unha aliada” para mellorar a vida da xente e que defenda os intereses da veciñanza deste concello e da comarca.
Neste sentido, avanzou o seu compromiso de reforzar os servizos públicos, como a sanidade e a educación, ámbito este último no que dixo non é normal que un dos poucos concellos de toda Galiza no que aumenta a poboación e que ten un saldo vexetativo positivo, siga esperando para ter o centro educativo de infantil e primaria no Milladoiro, que precisan os nenos e as nenas entre 3 e 12 anos e que leva máis de tres anos de retraso despois de que o concello puxese a disposición da Xunta os terreos necesarios para a súa construción.
“Hoxe aquí quero deixar un compromiso firme: se teño a vosa confianza para ser a próxima presidenta de Galiza, a construción do centro educativo de infantil e primaria de Ames será unha prioridade e axilizarei a súa construción”, afirmou para recalcar a continuación que “basta xa de facer esperar os nenos e as nenas deste concello, basta xa de facer esperar as familias por unha infraestrutura esencial”.
Pontón tamén apuntou que, fronte aos recortes do PP, o goberno que aspira a presidir “blindará a sanidade pública” e reforzará a Atención Primaria, con medidas concretas neste concello como a ampliación do centro de saúde de Bertamiráns, a dotación de máis persoal sanitarios en todos os ambulatorios de Ames e do conxunto da comarca, incluído o servizo de pediatría porque, segundo recalcou, “afortunadamente este é un municipio onde aumentan as crianzas, unha rareza nunha Galiza en permanente crise demográfica”.
Desconxestionar a entrada do Milladoiro e ampliar a depuradora de Sisalde
Por último, explicou que mellorar a vida de veciñanza tamén pasa por mellorar as infraestruturas, como a desconxestión da entrada do Milladoiro ou a ampliación da depuradora de Sisalde, imprescindible para o concello de Ames, pero tamén para o de Brión.
Deste xeito, a portavoz nacionalista comprometeu un Executivo do BNG que “vai cumprir con Ames” porque, segundo afondou, Galiza precisa un goberno e unha presidenta que en lugar de ser parte do problema sexa parte da solución, un goberno que en lugar de ir en contra como fai o PP, “defenda os intereses da veciñanza deste concello e desta comarca”.
Para iso, e diante dunhas eleccións galegas que cualificou como as máis importantes dos últimos tempos, apelou á mobilización desa maioría social que quere cambio e á concentración dese voto no Bloque “porque somos a alternativa real e a única forza con capacidade para derrotar ao PP”.
Neste sentido, afondou en que o 18F só hai dúas alternativas: un goberno do PP co candidato Rueda, o mesmo que nos deixa unha Galiza máis pequena e peor, ou un goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para poñer en marcha unha Galiza mellor, “unha Galiza en grande”.
Pontón avanzou o País que aspira a construír como presidenta, unha Galiza produtiva na terra e no mar, con industria e que aposte pola ciencia e pola innovación porque, segundo indicou, queremos competir no mundo desde o coñecemento, non con salarios baixos e empregos precarios.
“Quero ser a próxima presidenta para poñer en marcha esta Galiza posible e está na nosa man”, subliñou para concluír que, de obter a confianza dos galegos e as galegas, a súa será unha Presidencia “coas mans libres”, sen ataduras nin servilismos a Madrid e leal unicamente aos galegos e ás galegas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)