AD

Destacado

Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Ordes, entre os concellos que activan o confinamento das aves

today10 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

Desde hoxe, un total de corenta concellos galegos aplican novas medidas de prevención fronte á gripe aviaria, dirixidas principalmente ás persoas particulares que crían aves de curral. A decisión, adoptada polo Ministerio de Agricultura, obriga a manter as galiñas pechadas en instalacións cubertas, prohibindo a súa crianza ao aire libre ata novo aviso.

A medida coincide coa época de migración das aves silvestres que atravesan a península no seu percorrido cara a África, un momento no que aumenta o risco de transmisión do virus. Por este motivo, o departamento que dirixe Luis Planas decidiu ampliar o confinamento a 29 novos municipios incluídos en zonas de especial vixilancia (ZEV), que se engaden aos 11 concellos que desde xaneiro xa estaban declarados zonas de especial risco (ZER).

Nestas áreas, só se permitirá manter as aves fóra dos galiñeiros se están protexidas con mallas ou telas paxareiras que impidan o contacto con exemplares silvestres e sempre que a súa alimentación e hidratación se realicen baixo cuberto. Tamén queda prohibido empregar auga procedente de fontes ou depósitos accesibles a aves silvestres, salvo que esta fose tratada ou desinfectada.

Os concellos afectados abranguen boa parte das catro provincias galegas, entre eles A Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova, Xove, Cerceda, Ordes, Tordoia, A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vilagarcía, Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo, Zas, Ribadeo, Trabada, A Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

En total, uns 27.000 galiñeiros domésticos deberán aplicar estas restricións, aínda que polo momento a gripe aviaria só se detectou en aves silvestres en Galicia. Segundo os últimos datos do Ministerio, no que vai de 2025 confirmáronse nove casos na comunidade, dos máis de sesenta rexistrados en todo o Estado.

O Goberno central fixo un chamamento a reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas e a comunicar de inmediato calquera sospeita de enfermidade aos servizos veterinarios oficiais. Ademais, lembra que son as comunidades autónomas as competentes en materia de sanidade animal, polo que poden aplicar medidas complementarias para reforzar a protección e evitar a propagación do virus no seu territorio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *