Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 agosto, 2025
• Adrián Villa mostrou “preocupación” polo estado actual dos parques da cidade, que contan con buracos, sucidade e con valados e medidas de seguridade que incumpren a normativa.
• “O goberno nacionalista anunciou hai 8 meses -dixo o popular- a licitación deste contrato pero, a día de hoxe, non se iniciou o procedemento, polo que, case con toda a seguridade, non será efectivo ata mediados de 2026”.
Un verán máis, o concelleiro do Partido Popular, Adrián Villa, denunciou a “lentitude e incapacidade de xestión do goberno nacionalista”, nesta ocasión, en referencia á necesaria conservación dos parques infantís da cidade. Así, solicitou ao goberno local que “non demore un minuto máis o necesario plan de mantemento de parques, xa que, do contrario, os nacionalistas deberan asumir a responsabilidade dos incidentes que poida ocorran a partir do outono”.
Para o edil, “o verán é a época para dedicarse a estes espazos para os máis cativos, momento ideal para realizar as obras de coidado e seguridade en moitos deles, xa que estamos en período de vacacións e, coa calor, contan con menos cativos e cativas e as obras poderían avanzar de forma áxil para que, co inicio do curso escolar, estean a punto para que os máis pequenos gocen deles”.
Villa subliñou a “incapacidade dos nacionalistas para xestionar o día a día da capital de Galicia, así como a lentitude habitual para resolver calquera problemática ou contrato de mantemento, como demostra que, en decembro de 2024, o BNG anunciara o inicio do procedemento de licitación do mantemento, prevención, hixiene e limpeza dos parques infantís de todo Santiago, un contrato por máis de 400.000 euros, cunha duración de 3 anos, do que nada se sabe”.
“A día de hoxe, tras 8 meses do anuncio por parte dos nacionalistas, nin sequera foron quen de iniciar o procedemento de licitación, polo que, no mellor dos casos, o contrato resolverase a mediados de 2026, o que -explicou- é preocupante polo estado de moitas destas instalación”.
Adrián Villa indicou que “estamos a falar de buracos no chan, falta de accesibilidade, ausencia de valados para delimitalos, nula de hixiene e limpeza e, o máis preocupante, grandes eivas no que á seguridade se refire, con claros exemplos de incumprimento da normativa vixente”.
Con todo isto, o concelleiro popular quixo lembrar dous accidentes non menores, que tiveron lugar o pasado ano, así como a limpeza que pais e nais se viron na obriga de realizar no parque da Trisca ante o desleixo do goberno do BNG.
Finalmente, Villa remarcou que “non queremos xerar unha alarma, pero non podemos xogar coa seguridade dos máis cativos”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)