Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 septiembre, 2025
A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, reclamoulle hoxe ao goberno nacionalista que proceda a levar a cabo unha actuación urxente “ante a grave e inexplicable situación de moitos cables e postes da luz en barrios e no rural santiagués”.
Barcia visitou esta semana á veciñanza de Villestro, que leva meses soportando unha situación de perigo evidente ante a presenza de cables que invaden a estrada. Durante o encontro, a edil popular puido comprobar, de primeira man, como estes elementos dificultan o acceso ás vivendas e obrigan aos peóns a apartarse, o que pon en risco a súa seguridade.
“A preocupación -dixo- é aínda maior, porque pola zona pasan a diario moita rapazada, posto que o lugar está preto da ponte e o paseo, o que transforma a este punto nun lugar especialmente perigoso”.
Nerea Barcia lembrou que “as veciñas e veciños levan máis dun ano reclamando solucións, enviando queixas ao Concello sen obter resposta e a única “solución” que recibiron, ata o de agora, foi atar os cables con fíos a uns postes, unha chapuza que non resolve o perigo e que, ademais, deixa a varias vivendas sen servizo de internet”.
“Viven atemorizados ante a posibilidade de que aconteza un accidente grave- remarcou a popular-, e os nacionalistas seguen mirando cara outro lado e a esta problemática súmase a falta de limpeza da ponte e das fincas colindantes, o que incrementa o perigo e amosa, unha vez máis, a pasividade do goberno de BNG e CA”.
Nerea Barcia asegurou que “nin se notifican aos propietarios, nin o goberno local actúa, a pesar de que isto se repite noutras parroquias, como en San Cristovo, no Eixo ou no Rial de Conxo”.
“Cómpre reiterar -indicou- que todos estes veciños presentaron denuncias a través da aplicación Liña Verde, mais seguen sen recibir resposta nin solución algunha por parte dos nacionalistas”.
Finalmente, Barcia concluíu que, “dende o Partido Popular de Santiago esiximos explicacións inmediatas ao goberno de BNG e CA e reclamamos actuacións urxentes antes de que teñamos que lamentar consecuencias irreparables”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)