Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 julio, 2025
O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, vén de pedir, de novo, a licitación do contrato de limpeza e conserxería dos colexios, que leva case dez anos caducado sen que os nacionalistas parezan ter présa por arranxar unha situación que é claramente irregular.
“Este contrato leva caducado dende o ano 2016, polo que -subliñou o popular- en case unha década de gobernos tripartitos PSOE, BNG e CA, non foron quen de licitalo e, agora, con dous anos de mandato nacionalista, tampouco hai ningún avance, o que supón un escándalo institucional e unha burla ás familias, ás traballadoras e ao Pleno”.
O concelleiro popular insistiu en que “a inacción sistemática dos distintos gobernos locais que, desde 2015, veñen ignorando a necesidade de renovar o contrato de limpeza e conserxería dos colexios públicos de Santiago”.
Rubio lembrou que esta cuestión foi levada en varias ocasións ao Pleno polo PP e que, neste mesmo mandato, todos os grupos, nós, BNG, PSOE e CA, apoiaron, por unanimidade, unha moción para esixir a inmediata licitación deste servizo esencial, polo que estamos ante “unha decisión do órgano democrático principal do Concello que goberno local está a incumprindo de maneira reiterada e deliberada”.
“Mentres tanto, indicou o edil popular, os traballadores e traballadoras seguen atados a unhas condicións laborais desiguais, obsoletas e precarias, sen marxe de mellora nin seguridade xurídica, un escenario que é inxusto e intolerable, non é de recibo que as persoas que sosteñen a estrutura diaria dos centros escolares leven anos traballando nun limbo administrativo, ignoradas polo goberno nacionalista”.
Rubio advertiu tamén do deterioro progresivo do servizo, coa consecuencia directa de que a limpeza e a conserxería nos colexios están cada vez máis tensionadas, “afectando á calidade dos centros e á seguridade das crianzas”.
“Levamos dous anos denunciando esta situación en Plenos, comisións e medios- insistiu o popular- e o silencio e a parálise do goberno local son escandalosos, nin actúa nin dá explicacións, é como se este problema non existise, pero para centos de familias é unha realidade cada día”.
Borja Rubio destacou que “este é un exemplo paradigmático do modelo de xestión do BNG en Santiago, cun goberno que nin xestiona, nin escoita, desobedece acordos plenarios aprobados por unanimidade, e que deixa pasar os anos mentres se deteriora un servizo público esencial”.
“A realidade -insistiu Rubio- é que non hai nin un só contrato dos importantes para a cidade que o goberno nacionalista sexa quen de xestionar e licitar: a auga, o transporte, o alugueiro dos autobuses, a municipalización do parking da Praza de Galicia, o modelo de xestión da Praza de Abastos; e iso, simplemente, é inasumible para unha capital como Santiago de Compostela”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)