AD

Actualidad

Premios Benfeito, a primeira iniciativa estatal na que as persoas consumidoras recoñecen ás empresas

today23 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, explicou en Radio Líder Santiago que os galardóns celebran a súa segunda edición para poñer en valor a innovación, a calidade e o compromiso das marcas galegas. 

A segunda edición dos Premios Benfeito de Consumo xa está en marcha. A iniciativa, bianual, impulsada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), quere recoñecer ás empresas que destacan pola súa excelencia, innovación e compromiso co territorio. Como sinalou o secretario xeral da entidade, Miguel López Crespo, trátase da “primeira e única iniciativa en todo o Estado español na que son as persoas consumidoras as que recoñecen e valoran o traballo das empresas”.

Un recoñecemento en positivo

Na entrevista telefónica realizada por Sara Garea en Radio Líder Santiago, López Crespo explicou que a idea naceu coa vontade de dar visibilidade ás boas prácticas: “Non sempre as empresas son as malas da película. Tamén hai proxectos que innovan, que poñen en valor a nosa terra e que levan moitos anos traballando a prol de Galicia”.

Segundo apuntou, a Unión de Consumidores de Galicia leva 37 anos de traxectoria e considerou fundamental abrir un espazo que premie ás compañías que apostan pola calidade e a responsabilidade social: “Debemos avanzar construíndo en positivo, de mans das empresas e das administracións”.

Finalistas en tres categorías

Este 2025 compiten 15 empresas finalistas, seleccionadas entre máis de 120 candidaturas, en tres grandes categorías:

  • Produtos alimenticios: Leche Río, Coren, Viña Costeira, GADIS e Pescanova.

  • Produtos non alimenticios: Santos Cociñas e Baños, Pérez Rumbao, Bimba y Lola, Numax e Abadía da Cova.

  • Servizos: Xenera Compañía Eléctrica, Monbus, Caixa Rural Galega, a rede de ximnasios Be One e Alda Hotels.

Na primeira edición, celebrada en 2023, os galardóns foron para Estrella Galicia (produto alimenticio), Naviera Mar de Ons (servizos) e Droguería Arenal (produto non alimenticio).

Votación aberta á cidadanía

As votacións para escoller ás gañadoras estarán abertas ata o 26 de outubro a través da web consumidores.gal e das redes sociais da Unión de Consumidores de Galicia. O proceso é aberto e, segundo subliñou López Crespo, “completamente anónimo, xa que non se recollen datos persoais”.

López Crespo subliñou que se valoran dous aspectos principais: “A calidade dos produtos e servizos, por unha banda, e a atención ao cliente, pola outra”. Ademais, recomendou que quen non teña experiencia directa con algunha marca utilice a opción “non sabe/non contesta” para non desvirtuar os resultados.

A entrega dos galardóns celebrarase o 6 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, nun acto que aspira a consolidarse como referente no calendario económico e social de Galicia.

Consumir en Galicia, un valor engadido

O secretario xeral da Unión de Consumidores insistiu en que os valores máis apreciados polos galegos á hora de elixir marca son a calidade e o compromiso co territorio: “Cada vez somos máis conscientes da necesidade de investir aquí, de apostar polo produto local e de que os cartos queden en Galicia”.

A participación, ademais, terá recompensa: entre todas as persoas que voten sortearanse dúas cestas de produtos de alimentación galegos con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, como maneira de seguir poñendo en valor a riqueza gastronómica do país.

López Crespo concluíu que os Premios Benfeito queren tender pontes entre empresas e consumidores: “O que ofrecemos é un espazo de interacción e confianza. As empresas que apostan decididamente por Galicia son as que están a recibir un grande recoñecemento por parte das persoas usuarias”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *