Unha muller resultou ferida leve tras ser atropelada por un vehículo que daba marcha atrás na rúa do Xeneral Pardiñas. O suceso tivo lugar este sábado arredor das 14:37 horas á altura do número 17 desta vía.
Ao lugar dos feitos desprazáronse efectivos da Policía Local e servizos sanitarios.
Cinco atropelos en menos de dúas semanas en Santiago
Este accidente súmase a unha preocupante serie de atropelos rexistrados en Santiago nas últimas dúas semanas. O pasado mércores, houbo dous atropelos na cidade: un na rúa República Arxentina durante a mañá e outro pola tarde en Frei Rosendo Salvado, onde unha moza resultou ferida tras ser arroiada por un vehículo.
A semana pasada, unha menor foi atropelada en Santa Marta, e tan só tres días despois, unha muller foi alcanzada por un coche mentres cruzaba un paso de peóns na rúa Monte dos Postes.
Substituír cedas por stops, a medida de Raxoi
En canto á seguridade viaria, Xan Duro, edil de Mobilidade, comentou en Radio Líder Santiago que o Concello de Santiago está a tomar medidas para reducir o número de atropelos, que nas últimas semanas aumentaron de forma alarmante, especialmente no Ensanche. “Estamos facendo modificacións no tráfico, como a substitución de varios cedas por stops nos cruces máis perigosos, para obrigar os vehículos a parar antes dos pasos de peóns”, indicou Duro. O concelleiro subliñou que estas medidas son necesarias para previr situacións de perigo en zonas con alta densidade de tráfico e tránsito peonil.
Comentarios de las entradas (0)