Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A 26ª edición de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, celebraráse en Expourense do 20 ao 23 de novembro de 2025, reunindo un ano máis destinos, produtores, cociñeiros e profesionais de todo o mundo arredor da gastronomía e do turismo sustentable.
No marco desta cita de referencia, Radio Líder trasladará o seu estudo móbil ao recinto feiral para emitir un programa especial en directo o xoves 20 de novembro, de 11:00 a 14:00 horas. Durante tres horas de emisión, a radio achegará a atmosfera de Xantar aos oíntes con entrevistas, información de servizo e conexións cos principais espazos da feira.
A programación incluirá conversas con representantes institucionais, responsables de destinos turísticos presentes en Xantar, chefs participantes nos showcookings e expositores que se achegan a Expourense para presentar produtos, cociñas e propostas innovadoras. Ademais, o equipo de Radio Líder ofrecerá ao público datos útiles sobre horarios, actividades destacadas e recomendacións para aproveitar ao máximo a visita.
Xantar continúa consolidándose como a única feira internacional de turismo gastronómico acreditada da Península Ibérica, converténdose cada novembro nun punto de encontro estratéxico para profesionais e amantes da gastronomía. A emisión en directo de Radio Líder permitirá vivir desde dentro a primeira xornada desta nova edición, marcada polo sabor, o talento e a promoción dos territorios.
Escrito por Líder Redacción
galicia gastronomia ourense programa especial radio lider turismo xantar


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)