AD

Destacado

Radio Líder realiza unha intensa cobertura de FITUR 2026 desde IFEMA

today25 enero, 2026

Fondo
share close
AD

Radio Líder desenvolveu un intenso e destacado labor informativo durante a 46ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), celebrada en IFEMA Madrid, cun amplo despregamento humano e técnico que permitiu ofrecer unha cobertura multimedia completa da presenza de Galicia neste escaparate turístico internacional.

O equipo desprazado a Madrid, integrado por Sara Garea, Ángela Mosquera, Sara González e Laura Casal, traballou de maneira coordinada e constante ao longo de todas as xornadas da feira para trasladar aos oíntes e seguidores de Radio Líder todo o protagonismo, iniciativas e protagonistas da participación galega en FITUR 2026.

Entrevistas institucionais, declaracións de responsables políticos, representantes do sector turístico, alcaldes, empresariado e axentes clave do territorio formaron parte dunha programación especial que puxo o foco no lema Galicia Calidade, na proxección internacional da comunidade e nas estratexias turísticas de futuro. A cobertura incluíu tamén a difusión de campañas, presentacións oficiais, recoñecementos e proxectos innovadores ligados á gastronomía, ao patrimonio, ao Camiño de Santiago, ao turismo deportivo, sostible e de interior.

Radio Líder apostou por unha cobertura multimedia, combinando contidos radiofónicos, vídeos, entrevistas para redes sociais e pezas informativas que permitiron seguir FITUR case en tempo real, achegando a feira aos fogares galegos e reforzando o papel do medio como canle de referencia na información turística e institucional.

O intenso traballo do equipo desprazado a IFEMA puxo de manifesto o compromiso de Radio Líder coa información de proximidade, coa promoción de Galicia e coa divulgación do potencial turístico do país, contribuíndo a amplificar a voz da comunidade nun dos eventos máis relevantes do calendario internacional do turismo.

Falamos con Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia sobre a participación da nosa comunidade nesta Feira Internacional de Turismo.

Máis protagonistas desta primeira xornada de FITUR, na que tivo lugar unha presentación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade. Falamos co conselleiro de Cultura de Galicia, José López Campos, sobre o impulso institucional á candidatura e o valor deste territorio singular.

Galicia presentou en FITUR as rutas do Queixo da DOP Arzúa-Ulloa, unha proposta para descubrir o interior a través da súa paisaxe, das súas vilas e dun produto que é parte da nosa identidade. Falamos con María José Gómez, conselleira do Medio Rural, para coñecer máis sobre esta iniciativa.

Desde o stand de Galicia en FITUR, falamos co alcalde de Concello de Vedra, Carlos Martinez, que participou na presentación do Camiño de Inverno. Unha ruta de 260 km por 4 provincias e 5 comarcas. Vedra e a Ulla, presentes en FITUR para impulsar o Camiño neste ano pre-Xacobeo.

Máis protagonistas nesta primeira xornada de FITUR. Falamos co alcalde de Padrón, Anxo Arca, e coa concelleira de Padrón Turismo, Chus Campos, que puxeron en valor a aposta turística do municipio: premio de Pobo Máxico de Galicia, impulso ao proxecto Padrón Deportivo —que converterá o concello na capital galega do ciclismo en 2026, con catro probas destacadas, e renovación dos distintivos Q de Calidade e S de Sostibilidade, sendo o único concello da provincia da Coruña con ambos selos.

FITUR tamén é negocio, encontro profesional e visibilidade internacional para o tecido turístico galego. Nesta 46ª edición falamos con Roberto Horta e Verónica Armesto, directores da axencia compostelana Infinita Viajes, que nos explicaron o que lles aporta estar nesta cita. Ademais, no marco de FITUR recibirán este xoves o Distintivo “Q” de Calidade Turística, un recoñecemento ao traballo.

Santiago presentou nesta primeira xornada de FITUR a campaña ‘Compostela é moito MICE’, unha iniciativa enfocada a reforzar o posicionamento da cidade como destino de turismo de negocios e congresos. Falamos con Borja Verea, presidente do PP Santiago, para coñecer a súa valoración sobre a mesma e o seu impacto na proxección turística da capital galega.

Falamos con Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable de Turismo, para coñecer como está a transcorrer esta primeira xornada da feira e facer balance do inicio da presenza da entidade provincial en Madrid. Ademais, a entrevista serviu para dar conta da presentación prevista para mañá baixo o título «Un atardecer, dous solpores: a eclipse na provincia da Coruña», e abordamos tamén as expectativas da Deputación no ámbito turístico para este 2026.

Así foi a apertura de Galicia en FITUR, cunha presentación centrada no eclipse solar do 12 de agosto de 2026. Un fenómeno único, co que Galicia será a porta de entrada, visible en 143 concellos, entre Estaca de Bares e Valdeorras. A presentación correu a cargo de Xosé Manuel Merelles e do catedrático Jorge Mira.

Na segunda xornada de FITUR falamos con Gonzalo Louzao, alcalde do Concello A Estrada, que presentou no stand de Galicia a Ruta da Sidra, unha nova proposta turística que pon en valor a tradición sidreira do concello. Un proxecto que se presenta por primeira vez neste escaparate internacional e que une o cultivo da mazá e a elaboración da sidra cun itinerario turístico pensado para atraer visitantes durante todo o ano e para conectar natureza, turismo rural e patrimonio histórico e cultural.

Falamos coa conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, dende o stand de Galicia en FITUR. Un espazo que este ano se presenta baixo o lema Galicia Calidade, poñendo en valor a excelencia do noso territorio e os seus recursos naturais como elementos clave da identidade e da proxección turística de Galicia.

Padrón foi protagonista en FITUR coa recollida do Premio a Pobo Máxico de Galicia no stand de Pueblos Mágicos de España. O concello recibiu tamén os distintivos Q de Calidade Turística e S de Sostibilidade. Falamos co alcalde, Anxo Arca, e coa concelleira de Padrón Turismo, Chus Campos.

A Mancomunidade Barbanza Arousa presentou en FITUR a campaña “Viaxe a través da historia dos sabores”, centrada na enogastronomía e na posta en valor dun patrimonio ligado ao mar, á terra e ás súas xentes. Dende o stand de Galicia falamos cos alcaldes e a alcaldesa dos concellos integrantes: José Carlos Vidal (A Pobra do Caramiñal e presidente), José Ramón Romero (Boiro), María Sampedro (Ribeira) e Julián Bustelo (Rianxo).

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou o stand de Galicia en FITUR, nesta segunda xornada da Feira Internacional de Turismo en IFEMA.

Entrevistamos a Luis López, presidente da Deputación Pontevedra, tras a presentación en FITUR da campaña “A túa meta, o teu destino”, coa que o destino Rías Baixas se proxecta a nivel turístico. A campaña pon o foco nos 61 concellos da provincia como auténticos polideportivos ao aire libre, pensados para a práctica deportiva durante os 365 días do ano.

Na terceira xornada de FITUR falamos con Pedro Blanco, delegado da Delegación del Gobierno en Galicia, que realizou unha valoración da presenza galega nesta feira internacional de turismo, destacando o papel de FITUR como escaparate clave para a promoción da comunidade.

Intervención de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, no acto institucional Galicia Calidade, celebrado no stand de Galicia en FITUR, unha cita clave para a promoción turística da comunidade.

Galicia recibiu en FITUR o premio ao mellor stand entre todas as comunidades autónomas. Falamos con Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, para coñecer a súa valoración da participación galega na feira, do acto institucional de hoxe de Galicia Calidade e da campaña “Top Secret” presentada nesta xornada.

Falamos con Begoña Balado, presidenta da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, integrada por 11 concellos, e concelleira de Turismo de Arzúa. Abordamos a presentación “Camiño Francés: unha ollada ao pasado para mirar cara ao futuro” e o escaparate internacional que supón FITUR para proxectar o Camiño e os concellos que o integran.

O presidente da Xunta de Galicia presenta en FITUR a campaña turística Galicia Calidade para amosar a autenticidade, a cultura e as paisaxes da nosa comunidade durante todo o ano cos rostros de Óliver Laxe, Carolina Iglesias e Patricia Pardo.

Charlamos con Alberto Ogando, director de Comunicación de Kavia Hoteles España e colaborador de Radio Líder Santiago, que nos adianta unha gran noticia: Nova apertura hoteleira en Sarria, un punto clave do Camiño de Santiago, que reforza a oferta turística e hoteleira en Galicia.

A gastronomía galega, protagonista en FITUR. Un ano máis, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia foi o encargado do restaurante no stand de Galicia. Falamos con Adela, alumna do centro, que nos conta en que consiste o traballo do alumnado durante a feira e o que supón para eles formar parte dun evento internacional como FITUR.

FITUR foi o escenario da presentación de “Galicia en Ruta”, unha guía creada pola Axencia de Turismo de Galicia para facilitar o descubrimento da comunidade a través de itinerarios organizados polo territorio. Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia, foi o encargado de presentar este produto, que reúne 12 rutas pensadas para percorrer a nosa comunidade segundo o tempo dispoñible, combinando costa e interior e achegando ao visitante a paisaxes, patrimonio, gastronomía e outros recursos singulares.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *