Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 julio, 2025
Radio Líder Santiago celebrará o vindeiro mércores 30 de xullo ás 20:30 horas un cóctel de despedida de tempada, unha cita que pretende instaurarse no calendario social compostelán. O evento terá lugar nos xardíns do emblemático Gran Hotel Los Abetos, cunhas espectaculares vistas á cidade de Santiago de Compostela.
A velada, de acceso exclusivo mediante invitación, reunirá a autoridades, empresarios, anunciantes, colaboradores e amizades da emisora, nun ambiente distendido, festivo e musical, ideal para pechar o curso radiofónico por todo o alto.
Os asistentes poderán gozar da gastronomía innovadora do restaurante El Bordón, un dos referentes culinarios do hotel, que sorprenderá cunha coidada proposta de sabores de vangarda e produtos galegos de alta calidade.
Esta tempada foi especialmente destacada para Radio Líder Santiago co lanzamento do formato Fala que Fala, un proxecto de dinamización da lingua galega que contou cunha exitosa gala final na Cidade da Cultura, á que asistiron preto de 400 alumnos e alumnas de seis centros educativos de toda Galicia. Un proxecto que continuará na vindeira tempada polo seu grande impacto e acollida.
Outro dos grandes fitos foi o lanzamento de Podcast&Food, un formato novidoso que mestura gastronomía, conversa e cultura. Celebrado o pasado 1 de xullo en A Horta do Obradoiro, en Santiago, contou coa gravación en vivo de oito episodios de podcast con recoñecidas voces do mundo cultural, audiovisual e dixital galego. A iniciativa tivo un impacto moi positivo, contando co apoio de importantes marcas galegas e a participación dun público entusiasta.
Ao longo deste ano radiofonónico, varios momentos destacados e entrevistas difundidas por Radio Líder Santiago en redes sociais acadaron unha gran repercusión, xerando contido viral que superou milleiros de reproducións e interaccións. Estes picos de impacto fixeron que medios de comunicación de ámbito rexional e estatal se fixasen nas historias e protagonistas que pasaron polos micrófonos da emisora compostelá, reforzando así a súa proxección e o seu papel como plataforma de referencia na creación de contido galego con impacto global.
Radio Líder Santiago deixa atrás un curso marcado pola actividade constante e a innovación: concursos, entrevistas, reportaxes e unha intensa presenza nas redes sociais, con emisións en Facebook Live e YouTube, son parte do día a día.
A emisora consolídase como a radio con sede en Santiago máis seguida en Facebook, un claro reflexo do seu crecemento no ámbito dixital e da forte conexión coa súa audiencia. Ademais, lidera en horas de programación local, cunha proposta informativa e de entretemento feita desde e para Compostela e unha extensa área de influencia.
Durante o último ano, Radio Líder Santiago estivo presente nos principais acontecementos da cidade e da contorna: roldas de prensa, festas, eventos, inauguracións, sucesos, directos en exteriores, sempre en formato multimedia, apostando por unha comunicación moderna, áxil e accesible para todos os públicos.
A páxina web www.radiolidersantiago.com suma milleiros de lectores diarios cun servizo de radio á carta que permite que os contidos da emisora estean dispoñibles en calquera momento, desde calquera lugar.
Con este cóctel de despedida de tempada, Radio Líder Santiago celebra un ano de consolidación, compromiso e crecemento, reforzando o seu papel como medio de referencia tanto na radio tradicional como no ecosistema dixital galego.
Escrito por Líder Redacción
coctel fiesta gran hotel los abetos radio lider santiago Santiago de Compostela
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)