AD

Actualidad

Radio Líder Santiago emitirá este mércores un programa especial de Nadal desde Padrón

today15 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

Radio Líder Santiago emitirá este mércores, 17 de decembro, a partir das 10:00 horas, un programa especial de Nadal en directo desde o Concello de Padrón.

O programa terá unha duración de tres horas e contará coa participación de representantes destacados da cultura, do comercio, da política e doutros sectores clave da vida social e económica do municipio. O obxectivo desta emisión especial é celebrar as festas do Nadal poñendo en valor a riqueza, a diversidade e a vitalidade de Padrón, así como o traballo das persoas e institucións que contribúen ao seu desenvolvemento diario.

A iniciativa ofrecerá unha oportunidade única para achegarse á realidade local padronesa e vivir de preto o espírito do Nadal.

Un Nadal cheo de propostas para todos os públicos

Durante todo o mes de decembro, o Concello de Padrón desenvolverá unha ampla programación de Nadal pensada para público infantil, xuvenil e adulto. Os días 16 e 17 de decembro, Papá Noel visitará os centros educativos no marco da actividade Papá Noel vai ó cole, levando ilusión aos máis pequenos e fomentando a súa participación activa nas celebracións.

O venres 19 de decembro, entre as 17:00 e as 21:00 horas, celebrarase Papá Noel é rapeiro, un evento dirixido especialmente á mocidade que combinará batallas de rap benéficas e concertos, cun marcado carácter solidario.

A música tradicional terá un papel destacado o sábado 20 de decembro, ás 19:00 horas, coa celebración do XXXVI Festival de Panxoliñas no Auditorio Municipal, organizado pola Coral Polifónica Padronesa e coa participación da Coral Polifónica Moañesa e da Coral Polifónica de Pontecesures.

O martes 23 de decembro, de 17:00 a 19:30 horas, terá lugar a recepción de Papá Noel no poboado navideño da rúa Real, acompañada dun pasarrúas do grupo de animación Turdión polas rúas do centro da vila.

Teatro, tradición e deporte

O venres 26 de decembro, ás 18:00 horas, o público familiar poderá gozar da obra Berenguela na Gaiola, das compañías Galeatro e Xarope Tulú, dirixida por Paula Carballeira e gañadora do certame Manuel María de proxectos teatrais 2024.

O sábado 27 de decembro incluirá dúas propostas destacadas: pola mañá celebrarase a Papanoleada Ciclista, unha actividade lúdica aberta a todas as idades que combinará deporte, xogos, chocolatada e sorteos de produtos locais; pola tarde, ás 19:00 horas, o Auditorio Municipal acollerá o concerto do Quinteto de Vento-Metal.

Os máis pequenos tamén terán protagonismo o luns 29 de decembro, ás 18:00 horas, coa Xira do Nadal dos Bolechas, titulada Os Bolechas e as lamberetadas de Nadal, e o martes 30 cunha festa infantil no pavillón do Souto.

Ese mesmo martes 30 de decembro, ás 19:00 horas, celebrarase un dos actos máis emblemáticos do Nadal padronés, A Traslatio, que lembra o traslado dos restos do Apóstolo Santiago desde Jaffa ata Iria Flavia, reforzando o valor histórico e espiritual de Padrón como orixe do Camiño de Santiago.

Programación deportiva e actividades en xaneiro

A programación deportiva inclúe o Torneo de Chave de Nadal, a III Gala de Patinaxe Espiral e o III Torneo de Xadrez Rosalía de Castro, previstos para o sábado 20 de decembro. O ano pecharase coa tradicional Carreira San Silvestre, o 31 de decembro ás 17:00 horas, con saída desde o paseo do Espolón.

Xa en xaneiro, o día 3 terá lugar o Concerto de Aninovo da Banda de Música Municipal no Auditorio, ás 19:00 horas, e o 5 de xaneiro celebrarase a tradicional Cabalgata de Reis.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destacou que “o Concello busca ofrecer unha proposta cultural e de lecer ampla e diversa, dirixida á veciñanza de todas as idades”. Pola súa banda, Chus Campos subliñou que esta programación “servirá para reforzar o atractivo de Padrón como destino de lecer durante o Nadal, apoiando ao comercio e á hostalería local e promovendo un maior fluxo de visitantes, que reforzamos coa campaña Bonos Padrón”.

Como novidade destacada, a instalación dunha pista de xeo converterase por primeira vez nun dos principais puntos de encontro destas festas e nun novo elemento dinamizador para a vila.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *