Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 febrero, 2026
Un grupo de antigos alumnos e membros da comunidade educativa vén de impulsar unha recollida de sinaturas na plataforma Change.org co obxectivo de manter o nome do colexio “Apóstol Santiago” en Santiago de Compostela.
Os promotores da iniciativa sinalan que o centro “non é só un espazo educativo, senón tamén un símbolo da historia e da identidade da cidade”. Na petición defenden que o nome actual representa “un legado de aprendizaxe, comunidade e orgullo” para varias xeracións de estudantes que pasaron polas súas aulas.
A iniciativa xorde tras o debate aberto arredor da denominación do centro. Segundo explican os impulsores da campaña, consideran que o nome do colexio ten unha dimensión identitaria e cultural que non debería modificarse. “Non é só unha cuestión administrativa, senón unha cuestión de identidade e de respecto pola historia do noso colexio e da nosa cidade”, recolle o texto publicado na plataforma.
Pola súa banda, a Asociación de Nais e Pais (AMPA) manifestou que a denominación “non traslada ningún tipo de connotación política ou ideolóxica”. Con todo, os promotores da recollida de sinaturas discrepan desta interpretación e aseguran que detrás do debate existe unha lectura política que, ao seu xuízo, non pode ignorarse.
No manifesto difundido en Change.org, os asinantes fan un chamamento á unidade da comunidade educativa e da cidadanía compostelá para “honrar as tradicións e manter intacto o legado do ‘Apóstol Santiago’”.
A campaña permanece activa e aberta á participación de todas aquelas persoas que desexen apoiar o mantemento do nome actual do centro, nun debate que volve poñer sobre a mesa a relación entre memoria, identidade e espazo público en Santiago de Compostela.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)