Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 septiembre, 2025
Co mes de setembro chega non só o regreso ás aulas, senón tamén a volta ao calzado pechado tras meses de sandalias e zapatos máis soltos. Ese cambio pode provocar molestias, especialmente nos adultos, cando os pés non atopan o espazo necesario. Así o advertiu Nabor Pereira, membro da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia, nunha entrevista realizada por Sara Garea en Radio Líder Santiago.
Pereira explicou que “o noso corpo avísanos cando precisa máis espazo”, e sinalou que moitos problemas aparecen porque os calzados de outono-inverno non respectan a amplitude que os pés gozaron durante o verán. No caso dos nenos, engadiu, é habitual o erro de sobreabrigar con botas altas e calcetíns grosos, o que favorece a suoración e as infeccións fúngicas.
Sobre a volta ao cole, o podólogo incidiu en que o calzado xoga un papel determinante na saúde infantil. “O calzado é o primeiro motivo polo que os máis pequenos e tamén os adultos solemos ter problemas”, apuntou, lembrando que uns zapatos axeitados poden evitar patoloxías que chegan a afectar nocellos, xeonllos, cadeiras ou costas.
Entre os consellos principais, recomendou non empregar herdanzas de calzado xa deformado, evitar mercar tallas grandes “para que duren todo o curso” e optar por marcas especializadas en zapato infantil. Tamén destacou a importancia de revisar sempre que exista espazo suficiente para os dedos e que o zapato conte con sistemas de suxeición axeitados.
Outro dos avisos foi sobre a necesidade de acudir a revisións podolóxicas no inicio do curso. Pereira explicou que se poden detectar alteracións da marcha ou patoloxías frecuentes tras o verán, como papilomas plantares adquiridos en piscinas. Lembrou tamén que “ter dor non é normal; case todo ten unha solución e sobre todo un diagnóstico”, polo que non se debe asumir a dor como algo habitual nin nos pés nin noutras articulacións.
En definitiva, o especialista subliñou que a saúde dos pés debe formar parte da prevención sanitaria tanto en nenos como en adultos, pois uns pés sans aseguran mobilidade, benestar e unha vida máis activa no día a día.
Escrito por Líder Redacción
Colexio Podólogos de Galicia Navor Pereira pes pies podología podoloxía recomendaciones podólogos salud saude
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)