AD

Actualidad

Recoñecemento nacional para dúas enfermeiras do CHUS polo seu estudo dos coidados na sonocistografía

today7 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • As enfermeiras Inés Rial Carrillo e María Cristina Pérez Ferro, do Servizo de Radioloxía do CHUS, acaban de ser distinguidas cun premio nacional polo estudo que dedicaron á sonocistografía pediátrica, unha técnica segura e non invasiva que require unha elevada precisión técnica… e unha profunda empatía cos máis pequenos.

A enfermaría pediátrica do Servizo de Radioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago vén de sumar un recoñecemento histórico. As profesionais Inés Rial Carrillo e María Cristina Pérez Ferro recibiron o primeiro premio nacional no Congreso da Sociedade Española de Enfermaría Radiológica polo seu estudo sobre os coidados de enfermaría na sonocistografía.

O galardón recoñece o seu traballo de investigación sobre os coidados de enfermaría nesta técnica que permite diagnosticar o refluxo vesicoureteral –unha alteración conxénita que provoca infeccións frecuentes de ouriños– sen recorrer á radiación. A exploración combínase cunha ecografía e un contraste introducido na vexiga, e require unha preparación coidadosa do paciente e da súa familia.

Para as dúas profesionais, o papel da enfermaría nesta técnica é determinante: “É importante asegurar a comodidade do paciente, revisar os historiais, evitar riscos e implicar os pais e as nais no procedemento. Non é unha proba cómoda e temos que facela o máis amable posible”, explica Cristina.

Rial e Pérez desenvolven o seu labor nun servizo onde a tecnoloxía é indispensable, pero onde, lembran, “a empatía é igual de importante que a técnica”. As dúas reivindican tamén o papel das compañeiras técnicas en radioloxía: “Moitas veces parece que non están, pero son fundamentais. Sen elas non aprenderíamos a movernos nun servizo tan complexo”, subliña Inés.

No ámbito da pediatría, ambas coinciden nunha idea: “Os nenos entenden. Hai que explicarlles sempre as cousas”. Por iso empregan unha comunicación adaptada á idade, permiten que entren cos seus pais e incluso animan a que leven xoguetes ou bonecos que lles dean seguridade. “Se non explicas, todo é máis traumático; se explicas, todo vai mellor”, resume Cristina.

Investigación que reclama visibilidade

Este premio supón tamén un pulo á investigación en enfermaría, un eido que ambas consideran necesario reforzar: “A investigación parece sempre ligada á medicina, pero a enfermaría ten moito que aportar e moitas veces queda en segundo plano”, lamentan. No seu estudo quixeron centrarse especificamente nos coidados enfermeiros na sonocistografía, un ámbito no que, aseguran, “hai moi pouca bibliografía”.

O recoñecemento non só validou o seu traballo, senón que mesmo lles abriu novas liñas para continuar investigando: “Quedamos cunha idea que nos suxeriu o comité científico e que queremos desenvolver. Seguiremos nesta liña”, avanzan.

A vocación como motor

Inés e Cristina non tiñan previsto traballar en radioloxía. Chegaron ao servizo “de forma fortuíta” a través de distintos contratos, pero hoxe non se imaxinan noutro sitio. “Ao principio non me gustou nada, pero agora encántame. Podes aportar moito máis do que parece”, recoñece Inés.

Ambas coinciden en que a enfermaría é unha profesión profundamente vocacional: “Se non che gusta, estás abocado ao fracaso. Hai días duros, pero a satisfacción persoal é inmensa”, afirma Cristina, quen tamén envía unha mensaxe ás novas xeracións: “Falta empatía. Hai que volver falar co paciente, explicarlle, escoitalo. A técnica non é suficiente”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *