AD

Comarca

Récord de participación na marcha ciclista nocturna de Ames

today21 septiembre, 2024

Fondo
share close
AD

Ames, 21 de setembro de 2024.- O Concello de Ames celebra por sexto ano consecutivo a “Semana Europea da Mobilidade”, que neste 2024 se leva a cabo entre os días 20 e 22 de setembro, cunha serie de actividades a prol da mobilidade activa, do transporte público e doutros medios limpos e intelixentes. Deste xeito, o programa inclúe unha marcha ciclista nocturna, celebrada este pasado venres con máis de 250 participantes; unha sesión de música no Milladoiro a cargo de DJ WANA; e unha andaina pola senda verde que une O Milladoiro e Bertamiráns. Este ano o lema é “Espazo público compartido”, cunha campaña que busca fomentar un cambio de comportamento a prol da mobilidade activa, o transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes.

A marcha ciclista nocturna converteuse na actividade estrela desta “Semana Europea da Mobilidade”. Despois de bater o récord de inscricións o pasado ano, no que se pasou dos 70 inscritos de 2022 a máis de 170 participantes en 2023, este ano volveuse a superar esa cifra con máis de 270 persoas inscritas, aínda que a asistencia foi sensiblemente inferior, sobre 230, debido ás choivas presentes durante toda a xornada.

O concelleiro de Mobilidade, Víctor Fernández, destaca que “ano tras ano a participación na marcha ciclista nocturna medra, iso significa que esta actividade lle gusta á veciñanza amesá, co cal o noso obxectivo é mantela e incluso reforzala se é posible”. Tamén destaca que “é unha marcha ciclista moi familiar, á que acoden familias enteiras, algo que é imporante para que nenos e nenas se conciencien da necesidade de facer deporte e do uso de outros medios de transporte máis limpos e sostibles”.

O alcalde, Blas García, agradeceu os dispositivos que tanto a Policía Local como Protección Civil despregaron para garantir en todo momento a seguridade da marcha pois “sen a colaboración e a implicación destes corpos a marcha non sería posible e máis nestas condicións meteorolóxicas incertas”. Ademais, indica que “a programación continua con máis actividades ao longo da fin de semana como son a sesión musical a cargo de DJ WANA e maila andaina pola senda verde que une O Milladoiro e Bertamiráns”.

Marcha ciclista nocturna

O percorrido realizouse sen ningunha incidencia e garantindo todas as medidas de seguridade, sendo escoltado en todo momento o grupo de participantes e contando cos pertinentes chalecos, cascos e luces, tal e como recomendou a Policía Local cando se presentou a actividade. Os/as ciclistas percorreron unha distancia de oito quilómetros. Saíron dende a praza do Concello e percorreron varias rúas da localidade de Bertamiráns e tamén se achegaron ata o lugar de Sisalde.

Programación da VI Semana Europea da Mobilidade de Ames Por mor da probabilidade de chuvia prevista para este sábado, 21 de setembro, a Concellaría de Mobilidade decidiu aprazar a actividade «Xogos en bici», que se ía a celebrar no aparcadoiro de Agriños (O Milladoiro), a partir das 17:00 horas. As predicións meteorolóxicas apuntan choiva para ese tramo horario do sábado, por iso decidiuse suspender dita actividade. Proximamente anunciarase unha nova data para desenvolver a actividade. Porén, a sesión de DJ WANA programada para ese mesmo día mantense e celebrarase a partir das 20:30 horas no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro.

A programación pecharase o domingo, 22 de setembro, cunha andaina pola senda verde que une O Milladoiro con Bertamiráns. A saída realizarase dende a igrexa de San Xosé, no Milladoiro, ás 10:00 horas. A veciñanza terá á súa disposición un bus para trasladarse dende Bertamiráns ata O Milladoiro e viceversa, unha vez rematada a actividade. As persoas que queiran facer uso do servizo de autobús deben estar ás 9.30 horas na parada de autobús, que se atopa na rúa Alcalde Lorenzo, ao carón da praza do Concello, en Bertamiráns.

A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha campaña que leva a cabo dende o ano 2002 a Comisión Europea, co fin de promover unha mobilidade urbana sostible, animando ao cambio de hábitos a prol da mobilidade activa, o emprego do transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes. Este ano, decenas de cidades e vilas sumáronse á campaña, entre elas o Concello de Ames, baixo o lema “Espazo Público Compartido”, que busca fomentar un cambio de comportamento a prol da mobilidade activa, o transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%