Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 junio, 2024
11/06/2024 A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou esta mañá en rolda de prensa un proxecto de reforma integral para o Estadio Municipal Verónica Boquete, ubicado no compostelán barrio de San Lázaro. Trátase dun plan cuxo investimento acadaría os 9,3 millóns de euros, un proxecto «ambicioso» a medio e longo prazo que este Goberno quere abordar para converter Compostela «na capital do deporte».
Non en van, o primeiro chanzo deste proxecto suporá a reforma das cubertas do estadio, cunha dotación de 850.000 euros que aportará a Deputación da Coruña, un compromiso que trouxo a alcaldesa Goretti Sanmartín da reunión que mantivo o pasado venres 6 de xuño na sede da institución provincial.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, deu a coñecer hoxe o proxecto integral para o estadio que arrincará coa solución para as cubertas, unha necesidade prioritaria. «Despois de 30 anos en funcionamento, esta importante infraestrutura municipal precisa ser rehabilitada atendendo a varios aspectos», destacou a edila, na que reivindicou que é a primeira en tres décadas un goberno local fai unha aposta decidida a medio e longo prazo para unha reforma completa do estadio.
Pilar Lueiro destacou que hai entidades deportivas locais que actualmente están agardando pola dispoñibilidade de espazos no estadio que non poden ser ofertados por esta falta de reparación, polo que as obras e actuacións previstas teñen como un dos seus principais obxectivos poder cumprir con este tipo de entidades.
Na súa intervención, a concelleira mostrouse «optimista» co proxecto e agardou o compromiso do resto das administracións coma no seu inicio (froito dun convenio entre o Concello, Xunta e Consello Superior de Deportes), xa que é hora de «colocar» o estadio «na posición que corresponde» como «infraestrutrura punteira». «A ese mesmo espírito de colaboración apelamos coa presentación deste plan», que o Goberno local tamén lle quere presentar á Xunta e ao Estado, para o que remitiu sendas peticións de reunións.
Pilar Lueiro defendeu o proxecto co obxectivo de convertir San Lázaro-Fontiñas «nun auténtico referencial da práctica físico-deportiva de Compostela», que «nos permita consolidar o noso concello como capital do deporte».
Actuacións
Alén da cuberta e a fachada, cómpre adaptar ás instalacións á normativa actual de accesibilidade e seguridade. Tamén son necesarias actuacións para renovar o equipamento deportivo e adaptar tanto o céspede como as pistas atléticas ás necesidades actuais dos clubes e persoas usuarias. Finalmente, é preciso tamén a reurbanización da contorna do estadio para converter o complexo no lugar de referencia para o deporte municipal ao aire libre.
O proxecto inclúe actuacións de 1,2 millóns de euros para a rehabilitación da envolvente (fachada, cuberta e soportais); 3,1 millóns para intervencións en espazos deportivos e outros; 2 millóns para o plan de autoprotección, que inclúe catro fases; e 2,8 millóns para acondicionamento. O total do plan, no que o Goberno municipal insiste en que é preciso que se impliquen o resto de administracións, ascendería a 9,37 millóns de euros.
Estadio Verónica Boquete
Cunha superficie interior de 29.916 metros cadrados e exterior de máis de 75.000 metros cadrados, o estadio municipal conta con capacidade para 12.111 persoas sentadas. O terreo de xogo de herba natural ten 105 metros de longo e 68 de amplo. A pista de atletismo rexistra 400 metros de desenvolvemento.
O estadio foi deseñado no ano 1990 polo arquitecto Andrés Fernández Albalat Lois e inaugurado en xuño de 1993. O 30 de outubro de 1989, o Concello de Santiago, a Xunta e o Consello Superior de Deportes asinaron o convenio para a construción desta infraestrutura e impulsar o deporte compostelán e galego.
Escrito por Líder Redacción
compostela deportes radio lider santiago santiago vero boquete
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)