AD

Actualidad

Restaurado o Peto de Ánimas de Cacheiras tras ser vandalizado con pintura vermella

today21 mayo, 2024

Fondo
share close
AD
  • Os traballos foron realizados polo conservador e restaurador Xabier Bernárdez Fresco (Berna)
  • Este elemento está catalogado por Patrimonio e incluído no inventario de bens culturais do Plan Xeral de Ordenación Municipal

Teo, 21 de maio de 2024.- Esta semana finalizaron os traballos de restauración do Peto de Ánimas de Cacheiras, en Teo, da man do conservador e restaurador Xabier Bernárdez Fresco (Berna). Un traballo que supuxo a recuperación dun elemento catalogado por Patrimonio e incluído no inventario de bens culturais do Plan Xeral de Ordenación Municipal (ref. C.07) que ten gran veneración entre a veciñanza.

Este monumento fora vandalizado con pintura vermella cara finais do pasado ano. Concretamente, os danos localizáronse principalmente no retablo central do peto de ánimas no que figura a Virxe María suspendida entre as nubes que tende a man para liberar do lume do purgatorio a tres almiñas.

A representación de meniños entre as lapas, purgando os seus pecados, é pouco habitual pois contraponse coa peculiar inocencia infantil. Este feito outórgalle gran orixinalidade a un monumento que permanecía en bo estado de conservación. Xunto co de Raxó, o Peto de Ánimas de Cacheiras é unha das mellores mostras etnográficas e da arquitectura popular ao culto aos mortos e da devoción ás ánimas.

Precisamente, por esa gran importancia e veneración que ten este elemento, o Concello de Teo condenou de forma enérxica o acto de vandalismo, tramitando a correspondente denuncia e solicitando á veciñanza a súa colaboración para, ante este tipo de comportamentos destrutivos, se denuncien os actos.

Cómpre lembrar que esta figura foi restaurada no ano 1987 e máis recentemente no 2009. Orixinalmente atopábase xusto no cruce entre a estrada comarcal de Santiago a Estrada coa de Cacheiras ás Galanas, pero coa reforma da actual AC-841 foi traslada ao seu emprazamento actual para garantir a súa conservación e facilitar a súa valorización.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%