Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 febrero, 2026
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo Abuín, informou da posta en marcha dunha auditoría técnica das luminarias LED instaladas no municipio logo de detectarse múltiples fallos no sistema de alumeado público.
No ano 2021 executouse un proxecto por importe de 757.649,40 euros co obxectivo de substituír o 60% das luminarias do termo municipal, especialmente nas parroquias de Araño, Taragoña, Asados, Isorna e Leiro. As antigas luminarias de vapor de sodio foron cambiadas por tecnoloxía LED coa finalidade de reducir o consumo eléctrico e mellorar a eficiencia enerxética.
Porén, segundo explica o rexedor, nos últimos anos as luminarias substituídas no marco dese proxecto están a fallar de maneira regular, ben por unha instalación inadecuada ou por posibles defectos de fabricación.
A situación está a causar importantes prexuízos en numerosas aldeas, especialmente nos meses con menos horas de luz solar. Na actualidade hai arredor de 250 puntos de luz sen funcionar en todo o municipio e preto dun cento de luminarias atópanse en proceso de reparación.
Dende o Goberno local sinalan que se está a traballar para solucionar definitivamente esta problemática. A auditoría en marcha pretende identificar a orixe dos fallos e, de ser preciso, adoptar as medidas oportunas nas instancias correspondentes.
O alcalde puxo ademais o Concello á disposición da veciñanza para ofrecer calquera aclaración sobre esta situación.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)