Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 11 de marzo. A catedrática de Matemáticas Rosa Crujeiras fixo historia este mércores ao converterse na primeira muller que dirixirá a Universidade de Santiago de Compostela nos seus 500 anos de existencia. Tras coñecerse os resultados dunhas eleccións que a propia institución cualificou como «históricas para Galicia», Crujeiras quixo agradecer á comunidade universitaria a súa participación nunha xornada que, segundo as súas palabras, «demostra que a universidade exerce a súa autonomía e decide o camiño que quere tomar nos vinteiros anos».
Nunha comparecencia a nova reitora electa estendeu o seu recoñecemento «ao estudantado, ao persoal docente e investigador e ao persoal técnico de xestión, administración e servizos». Crujeiras non esqueceu tampouco «ao equipo e a todas as persoas que acompañaron á nosa candidatura durante todo este longo proceso», facendo unha mención especial ás profesoras López-Couso, Nogueira e Flores.
Coa vista posta no futuro inmediato, a matemática subliñou que a partir de agora ábrese «unha nova etapa na universidade, en Lugo e en Compostela». Ante o reto de dirixir unha institución «plural e diversa», Crujeiras fixo fincapé na necesidade de «defender o noso papel como universidade pública de Galicia», incidindo na idea de servizo á sociedade.
A nova reitora electa definiu o seu mandato como «unha etapa de unidade onde o diálogo, a escoita, a confianza e a corresponsabilidade guiaran a nosa acción de goberno». Nesta liña, mostrouse convencida de que para sacar adiante o proxecto é imprescindible «contar con todas e cada unha das persoas que forman a nosa comunidade universitaria».
«Eu comprométome a servir a nosa universidade e a facer posible que este novo liderado se exerza desde a escoita activa, como xa demostramos estas semanas, e se desenvolva con traballo, con rigor, con bo goberno e con transparencia, mirando cara ao futuro con responsabilidade e compromiso co país», afirmou.
Crujeiras concluíu a súa primeira intervención como reitora cunha mensaxe de ilusión e ambición colectiva: «Temos que devolver a universidade á súa comunidade para que dentro de seis anos nos sintamos máis orgullosas e orgullosos de formar parte desta institución».
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)