AD

Actualidad

Rosa M. Crujeiras, primeira reitora da USC: “Faremos do coñecemento a nosa vangarda, a nosa bandeira e o noso dereito»

today11 abril, 2026

Fondo
share close
AD

Santiago, venres 10 de abril 2026. “Quero expresar con claridade que faremos do coñecemento a nosa vangarda, a nosa bandeira e o noso dereito”. Así definiu a catedrática Rosa M. Crujeiras Casais a que será a súa folla de ruta á fronte da Universidade de Santiago de Compostela nos vindeiros seis anos. A profesora Crujeiras tomou posesión este venres 10, nun acto solemne que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, do seu cargo como reitora da USC, converténdose na primeira muller que lidera a reitoría da institución nos seus máis de 500 anos de historia. “Traballarei, desde a responsabilidade que hoxe asumo como reitora, para que a Universidade de Santiago de Compostela sexa a institución pública e galega de máxima excelencia académica, decididamente feminista e inclusiva e que manteña o seu firme compromiso co país ao que pertence e ao que serve”, destacou no seu discurso.

A profesora Crujeiras iniciou a súa intervención debullando as metas que persegue como reitora. Así, puxo o foco na súa vontade de “construír unha nova Universidade que avance, adiantándose ás demandas sociais, que innove na maneira de facer e de relacionarse, que conte coa sociedade e para a sociedade, e que coide do noso e que coide de nós”. Para a catedrática de Estatística e Investigación Operativa é fundamental “consolidar e fortalecer o sentimento de pertenza” á comunidade universitaria da USC. “Unha comunidade que sexa exemplo de acollida, de inclusión, de igualdade e de respecto, na que a diversidade non só sexa recoñecida, senón tamén coidada e celebrada como unha das súas maiores fortalezas”, salientou. “E unha comunidade que se consolide como unha verdadeira forza de transformación, comprometida coa xeración e a transferencia do coñecemento, co pensamento crítico e coa contribución ao progreso social”, engadiu.

Defensa do sistema público

Rosa M. Crujeiras dedicou boa parte do seu discurso a realizar unha defensa do sistema educativo público no que ela mesma se formou. “A miña formación vital e profesional foi posible grazas a un sistema educativo público que me acompañou desde a escola rural de Artes, a parroquia de Ribeira onde nacín, ata esta Universidade. Primeiramente da man de mestras e mestres cuxo labor foi determinante na miña aprendizaxe, e despois profesoras e profesores a quen lle debo a miña relación co coñecemento, definida pola curiosidade e o espírito crítico”, sinalou. Nese contexto, continuou a reitora, “o ensino público revelou o seu sentido máis profundo: o de garantir a igualdade de oportunidades e facer posible que as persoas poidan desenvolver todo o seu potencial con independencia da súa orixe e das circunstancias de partida”. Por iso, concluíu, “o sistema público de educación, en todos os seus niveis, constitúe un dos principais patrimonios colectivos dun país”.

Transformación social

A reitora reclamou o espazo da Universidade na sociedade “como axente activo de transformación social”. A nosa debe ser, dixo, unha voz de valores: “de bo goberno, de transparencia, de ética, de exemplaridade e de responsabilidade pública. Unha voz que se traduza en accións fronte a problemas sociais ante os que non debemos permanecer en silencio”.

Así acontece coa emerxencia social da vivenda, un dos aspectos nos que se detivo Rosa Crujeiras xunto coa atención á saúde mental, ou coa obriga “que asumimos de actuar con firmeza fronte á violencia machista e fronte aos discursos de odio”. E do mesmo xeito, subliñou, “debemos reforzar o noso compromiso coa sostibilidade e coa resposta á emerxencia climática, integrando a responsabilidade ambiental no conxunto das políticas institucionais e asumindo con decisión os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible como horizonte da nosa responsabilidade pública”.

López: “deber cumprido”

“Volto con moitas gañas á vida de profesor na miña Facultade de Dereito, onde sempre me atoparán ao servizo da USC”. Así despedía no acto o seu mandato o reitor Antonio López, que asegurou estar “feliz”. “Se a toma de posesión estaba marcada pola mestura entre ilusión e responsabilidade, neste momento de remate e traspaso de poderes os sentimentos dominantes son a satisfacción do deber cumprido e unha infinita gratitude”, manifestou.

“Foi un auténtico privilexio servir a esta Universidade como o reitor centésimo septuaxésimo segundo nestes dous mandatos reitorais e é tamén unha honra traspasarlle o bastón e a medalla como símbolos do goberno universitario á Reitora Crujeiras”, dixo.

No seu discurso aproveitou ademais para reivindicar o poder transformador da sociedade da Universidade pública. “Nada do que ten pasado en Galicia e en España podería ser imaxinado sen as súas Universidades”, asegurou, con especial acento no público, “elemento esencial para a igualdade de oportunidades, o gran motor deste elevador social que permite que cadaquén poida atinxir o lugar que lle corresponde sen máis condicionantes que os das súas capacidades persoais e o seu esforzo”. “Por iso -asegurou-, creo no sistema universitario público de Galicia e creo na Universidade de Santiago de Compostela, unha universidade completa, comprometida coa cultura e a proxección internacional e que ten demostrado solvencia e xestión rigorosa dos seus recursos”.

Tivo ademais López palabras de agradecemento para “todas as persoas que co seu traballo e dedicación nos trouxeron ata aquí, pero nada sería posible sen a xenerosidade de quen se implicaron asumindo responsabilidades de distinta natureza, pola vocación universitaria demostrada e o compromiso acreditado, que nos permitiu superar situacións límite, como a pandemia”, advertiu

No espazo dos agradecementos institucionais, que fixo especiais para a Xunta de Galicia, o Goberno de España, as Deputacións da Coruña e Lugo e os Concellos de Santiago e Lugo, reivindicou un gran pacto institucional polas Universidades e a Ciencia, “con especial intensidade entre Estado e CCAA, pois só así se poderán acadar algúns dos retos que a LOSU consagrou, como o obxectivo do 1 % do PIB para as Universidades”, rematou.

A USC, “motor de progreso”

Pola súa banda, durante a súa intervención, o presidente da Xunta trasladoulle os seus parabéns á nova reitora, poñendo en valor o fito histórico de ser a primeira muller que accede á reitoría nos cinco séculos que ten a universidade. “Celebrámolo e agardamos seguir celebrando moitos máis avances e logros nos próximos anos”, destacou Rueda.

O titular do Goberno autonómico reivindicou a “colaboración intensa” entre a Xunta e a USC e reafirmou o compromiso do executivo galego “cunha universidade pública forte, moderna e accesible”. Mostrou a súa predisposición para que “a USC, e todas as universidades galegas, sigan sendo un motor de progreso e un espazo de oportunidades que acollan e impulsen todo o talento que hai en Galicia”.

Numerosas autoridades e 500 asistentes

Entre as autoridades presentes na cerimonia, que congregou a preto de cincocentas persoas, figuraban o delegado do Goberno en Galicia, a alcaldesa do concello de Santiago e o alcalde de Lugo, os ex reitores da Universidade de Santiago e das outras dúas universidades galegas, a presidenta do Consello Social da USC e o da UVigo, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o fiscal superior de Galicia, a presidenta do Consello da Cultura Galega, a valedora do Pobo, o presidente do Consello Económico e Social e a presidenta da Deputación de Lugo, entre outras moitas.

Equipo reitoral

Este venres tomaron ademais posesión do seu cargo Alicia Villalba Sánchez como secretaria xeral; Roberto Bande Ramudo como vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo; Almudena Hospido Quintana como vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta; Pablo Taboada Antelo como vicerreitor de Profesorado e Innovación Docente; Pablo Durán Santomil como vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade; María Reyes Laguna Francia como vicerreitora de Ordenación Académica e Oferta Formativa; Marcelino Maneiro Maneiro como vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento; Lorena Añón Loureiro como vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar; e Ana Cabana Iglesia como vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *